El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Bayardo Quinto Núñez
Nacional

AOS CONCELLOS ADHERIDOS

Sogama oferta un curso de formación de xestión de residuos urbanos

12-09-2015 14:13:26

Sogama oferta aos concellos adheridos ao seu modelo un curso avanzado en liña que, baixo o título A xestión dos residuos urbanos na economía circular, pretende proporcionar unha visión máis ampla e profunda da xestión do lixo dentro do actual concepto de economía circular, que ten por obxecto converter os refugallos en recursos de utilidade, garantindo con isto a protección do medio ambiente e o aforro de custos.   

A empresa pública considera que se trata dunha magnífica oportunidade para que alcaldes, concelleiros, técnicos, administrativos, operarios e resto de profesionais poidan complementar os seus coñecementos na xestión sostible do lixo.   

Con 50 horas lectivas, o curso, que será gratuíto, comezará o 1 de outubro e finalizará en torno ao 18 de decembro. A través do mesmo preténdese que os representantes municipais tomen conciencia sobre o problema que, a día de hoxe, representa a elevada produción de refugallos, que interioricen a necesidade de levar á práctica o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que dispoñan da información necesaria sobre a actividade de Sogama en Galicia, tanto en relación á súa infraestrutura industrial e loxística, como en relación aos seus programas de comunicación e educación ambiental, e que, en definitiva, adquiran a bagaxe suficiente para influír, desde a súa contorna, nunha nova forma de visualizar os residuos, abrindo a porta a unha xestión máis eficaz e sostible dos mesmos.   



Os temas que integrarán esta actuación formativa    

1.- Os residuos urbanos: cara a un vertido cero. 

2.- Construíndo na Unión Europea unha nova sociedade da reciclaxe 

3.- Economía circular 

4.- O marco normativo dos residuos urbanos 

5.- O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 

6.- Traballando por unha Galicia sostible 

7.- A cidadanía, clave do cambio (I). Primeiros pasos: Prevención e Reutilización. 

 8.- A cidadanía, clave do cambio (II). Recollida Selectiva. 

9.- Valorización enerxética da fracción non reciclable. 

10.- Compostaxe doméstica: vantaxes ambientais, económicas e sociais   


Ata o 25 de setembro 

Cada tema irá asociado a un test de coñecementos que, en todo caso, deberá ser superado polos usuarios para poder acceder ao seguinte. Os que completen o curso recibirán, da man de Sogama, o correspondente diploma acreditativo.   

Os alumnos terán á súa disposición dous titores, cos que poderán interactuar de forma permanente a fin de realizar consultas, despexar dúbidas ou complementar información.   

Os datos teóricos nutriranse con diferentes recursos didácticos e divulgativos (audios, vídeos, presentacións, entrevistas, noticias, …) a fin de facilitar a súa comprensión, ademais de facela máis amena e asequible. Así mesmo, contarase cun foro no que se incluirán contidos adicionais de interese, propiciando o intercambio de coñecementos e experiencias, e aportando certo dinamismo no eido da aprendizaxe.   

O formato do curso adáptase a calquera equipo informático medio, incluíndo dispositivos móbiles tipo tablet. As prazas cubriranse por estrita orde de inscrición, dispoñendo os concellos ata o 25 de setembro para comunicar os datos das persoas que participarán na actividade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias