Algo máis de 200.000 estudantes comezarán este martes as clases, dos que 147.603 o farán na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura e Educación. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación, especialmente no caso da FP - cuxa matriculación aínda está en moitos casos en trámite, e que segundo as estimacións rondará os 53.400 alumnos- e, en xeral en todas as ensinanzas de secundaria, non serán definitivas ata dentro dunhas semanas.
ESO
Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 89.184 alumnos e alumnas comezarán o curso en ESO, o que supón un 0,6% máis ca no curso 2014/2015.
Bacharelato ordinario
Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, indican que 30.722 alumnos e alumnas comezarán o luns as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 0,2% máis ca no curso 2014/2015.
Ensinanzas de réxime especial
No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o incremento do alumnado, ata os 16.018 estudantes, é do 3,5% respecto do curso 14/15.
Pola súa banda, o número de estudantes nas ensinanzas artísticas increméntase con carácter xeral, atendendo aos datos, aínda provisionais. Así, o alumnado en ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería de acadar os 8.807 matriculados, medra nun 1,2%. No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 382, 14 máis ca no curso 13/14; mentres que nas de arte dramática haberá 143 alumnas e alumnos, 6 menos ca no ano académico anterior.
Así mesmo o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño medra un 2,9% ata chegar aos 1.596 estudantes. Nesta categoría inclúense as ensinanzas superiores de deseño, os ciclos formativos de artes plásticas e deseño e os estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais. Pola súa banda, as ensinanzas deportivas os 751 alumnas e alumnos.
Formación Profesional
No caso da Formación Profesional – non incluída nos devanditos 147.603 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que – contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a FP Básica- o número de alumnas e alumnos ascenda a preto de 53.400, o que suporía un incremento de máis do 3,4% respecto dos 51.610 finalmente matriculados no curso 14/15.