O presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta completará o vindeiro ano a
devolución do 100% da paga extra de 2012 aos empregados públicos. Deste xeito, o
segundo 25% desta paga será recibido polos máis de 100.000 empregados públicos
autonómicos antes de que remate 2015, e o 50% restante percibirase ao longo do
ano que vén.
“Esta devolución demostra unha vez máis
que a xestión responsable das arcas públicas, á larga, sempre produce
beneficios”, reivindicou Feijóo. Afirmou que, grazas á boa xestión, a Xunta
dispón en 2015 e 2016 dos 200 millóns de euros necesarios para compensar os
empregados públicos polo esforzo que fixeron hai tres anos. Así, as persoas que
non recibiron esta paga no seu momento, obterán agora unha media de 1.600
euros: 800 neste 2015 (dos que 400 xa foron percibidos no primeiro semestre
deste ano) e 800 no vindeiro ano.
O Proxecto de Lei que fai posible esta
devolución apróbase no primeiro Consello no que a Xunta ten capacidade legal
para facelo, segundo lembrou o presidente, despois de que o pasado venres a Administración
Central do Estado (a única que ten competencias para esta materia) aprobase o
Decreto Lei correspondente. Este texto está sendo xa remitido ao Parlamento de
Galicia para que poida ser aprobado no prazo máis breve posible, dixo.
Dispoñibilidade
orzamentaria e cumprimento do déficit
Feijóo lembrou tamén que Galicia pode
devolver esta paga porque cumpre as dúas condicións que marca o Ministerio de
Facenda: ter dispoñibilidade orzamentaria e cumprir o obxectivo do déficit en
2015. “Debido á seriedade ao xestionar as contas públicas e debido ao esforzo
dos empregados públicos non nos vimos obrigados a realizar as medidas máis
duras de contención do gasto”, asegurou. Non houbo despedimentos de empregados
públicos nin reducións de xornadas de persoal interino e Galicia foi a
comunidade que mantivo máis estable o número de empregados públicos durante a
crise, engadiu.
O xefe do Executivo autonómico recoñeceu que a
mellora económica é froito dos esforzos dos cidadáns e das empresas, sumados ao
compromiso da Administración, e recalcou que a vontade da Xunta é a de ir
devolvendo eses esforzos de forma paralela á recuperación, como neste caso se
fai cos empregados públicos.