O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta está a traballar nunha rebaixa de impostos que
se fará, dixo, “con total intensidade”. Segundo precisou, trátase dunha das
principais medidas coas que o Executivo autonómico quere afondar nun modelo de
xestión centrado en trasladar os efectos da recuperación aos sectores
produtivos e ao conxunto da cidadanía.
Na conferencia que pronunciou no almorzo
informativo organizado por ‘Nueva
Economía Fórum-Tribuna Galicia’, Feijóo asegurou que isto significa acompasar
a xestión ao que a Galicia deste momento esixe, e que este proceso se concretará
nas vindeiras semanas en convocatorias como o Debate sobre o estado da
Autonomía ou a presentación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2016.
“O noso patriotismo consiste en baixar
impostos, en abrir a nosa economía e en devolver os esforzos a aqueles aos que
tivemos que pedirllos. Nin tivemos medo a gobernar a crise, nin imos ter medo
agora a xestionar a recuperación con responsabilidade”, aseverou.
Trasladar
á cidadanía os efectos da recuperación
O mandatario galego sinalou que o obxectivo é
que a recuperación non só se traduza en cifras macroeconómicas, senón a través
dos seus efectos sobre os galegos e as galegas. Isto supón dispoñer dunha política
fiscal e tributaria máis xusta para todos os contribuíntes, dixo, pero ademais,
poder falar de máis emprego para os mozos e outros colectivos de difícil
inserción social. Tamén significa que non só medra a economía no seu conxunto,
senón que o fan todos os sectores estratéxicos, especialmente o primario. Que cada
persoa que teña unha idea conte cunha rede de viveiros e cunha proposta fiscal
para impulsala, ou que a industria se modernice a través da innovación.
É dicir, que a recuperación chegue á xente que
a fixo posible, como os empregados públicos -a quen entre este ano e o que vén
se lles vai devolver a paga extra correspondente a 2012-, ou a clase media, apuntou.
E, nesta liña, referiuse ao actual avance dalgúns indicadores económicos fronte
ás voces que cuestionaban a política que seguiu a Xunta desde 2009, e que os
galegos referendaron en 2012.
Así, destacou o descenso do desemprego que
está a rexistrar Galicia durante os últimos 22 meses; que sexa a Comunidade
onde menos medrou a débeda desde 2009; ou o último dato do IPI, que a sitúa
entre as catro autonomías con mellor comportamento da industria no mes de
xullo. Xunto con isto, salientou que a Xunta foi quen de dar resposta á
responsabilidade histórica de que a crise non implicara un paso atrás nos
servizos públicos.
Hoxe, dixo, Galicia dispón dunha educación
pública coas taxas universitarias máis baixas de España, con máis bolsas e máis
prazas de FP e que aposta polas tecnoloxías e os idiomas. No eido sanitario,
indicou que dispón de sete hospitais públicos de nova construción ou con
importantes ampliacións en marcha; que rexistra menos esperas, grazas á Lei de
garantías sanitarias; e que conta cunha mellor dotación tecnolóxica nos centros
hospitalarios. E, no tocante aos servizos sociais, asegurou que a Comunidade
dispón de máis prazas públicas de garderías, residencias e centros de día.
Apelar á lei e ao entendemento para resolver a situación de Cataluña
Fronte este escenario, Feijóo situou o
contexto polo que atravesa Cataluña neste momento porque, ao contrario que en
Galicia, os que a gobernan “abdicaron de gobernar substituíndo medidas por
bandeiras separatistas, resolucións por alegacións e medidas por consignas”.
Segundo recoñeceu, “hai un evidente medo a gobernar na orixe do desafío que o
independentismo catalán lle fai á democracia española”, que “está realmente
agredida”.
Defendeu, así, a “mesura”, e avogou por que
se respecten as leis e “por ser contundentes na defensa da democracia”. “O
apego á lei é o apego á vontade popular que a fai. As leis e as constitucións
son unha garantía contra a arbitrariedade e unha limitación aos que gobernan.
Son os alicerces sobre os que se basea a convivencia, os sinais de tráfico que
regulan a circulación de ideas e proxectos polas estradas dun país”,
manifestou.
E concluíu apelando a que a firmeza no
mantemento da lei e da Constitución vaia acompañada dun esforzo afectivo cara
aos cataláns que non son independentistas porque, segundo remarcou, “defender a
legalidade non me parece en absoluto contraditorio con promover o entendemento
con Cataluña”.
“O tempo que
vivimos alumeou outra dicotomía entre os que gobernan e os que teñen medo a
gobernar” e “a historia proponnos encrucilladas que reclaman gobernantes sen
medo a cumprir o seu deber: en Europa, en España, en Cataluña e en Galicia”; “xestores
comprometidos que resolvan, que propoñan, que decidan e que, en definitiva,
gobernen a realidade”, apostilou.