O Culinary Zinema, a sección dedicada á
gastronomía do prestixioso festival internacional de San Sebastián acolleu hoxe
o estreo da primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega, Cocinando en el fin del mundo, unha
película producida por Esmerarte coa colaboración de Turismo de Galicia e
AGADIC.
A longametraxe, dirixida por Alberto Baamonde,
permite descubrir o lado máis auténtico e elegante da gastronomía galega
actual. Así, Cocinando en el fin del
mundo é unha película que non se detén na cara máis coñecida, tradicional e
turística da gastronomía de Galicia senón que céntrase nos elementos emerxentes
e xeralmente ocultos que axudan a explicar o momento actual dunha cociña de
futuro que afunde a súas raíces na tradición.
As paisaxes de Galicia en combinación con
algún dos produtos máis exquisitos e singulares da tradición culinaria galega,
xunto con referencias aos seus produtores, comercializadores e cociñeiros, son
a carta de presentación desta película documental.
Cocinando
en el fin del mundo constitúe, deste xeito, unha
homenaxe á cociña galega, caracterizada pola súa perfecta mestura de tradición
e vangarda, e aos profesionais, que día a día están a revolucionar a
gastronomía da nosa comunidade.
A longametraxe aporta unha visión renovada da
cociña da nosa comunidade, protagonizada por emprendedores e profesionais
feitos a si mesmos difundindo este valor esencial da nosa oferta turística e da
nosa identidade.
O Grupo
Nove en vivo no festival de San Sebastián
Tralo estreo de Cocinando en el fin del mundo, o Basque Culinary Center acollerá a
celebración dunha cea temática a cargo dos cociñeiros do Grupo Nove,
protagonistas da longametraxe, que contará coa presenza da directora de Turismo
de Galicia, Nava Castro.
O grupo de cociñeiros galegos mostrarán a nova
cociña galega nunha experiencia exclusiva deseñada en torno ao documental.