Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentaron esta
tarde, na praza de Mazarelos de Santiago, o documento de preacordo político
para construír en Galicia un espazo de cambio e ruptura democrática, nun acto
no que interviñeron Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional de Anova; Yolanda
Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida; e Breogán Riobóo, secretario
xeral de Podemos Galicia.
O acto, quecontou coa presenza de representantes de
Marea.gal, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica, constitúe un paso máis na unidade popular, política, social
e cidadá na que afonda o texto, para iniciar un proceso en Galicia de
confluencia para unha candidatura cara as vindeiras Eleccións Xerais.
O preacordo encádrase no desenvolvemento dun espazo
aberto, amplo, plural e de acumulación de forzas, para devolver as institucións
á cidadanía do común, tomando como un punto de referencia clave os procesos de
confluencia que mudaron o panorama municipal o 24 de maio.
Encadre cidadán e participativo
O documento ten unha vocación aberta e inclusiva aos
actores políticos, sociais e cidadáns, para conformar un proxecto de unidade
popular que transforme a maioría social de cambio nunha maioría política, para
poñer as institucións ao servizo da cidadanía cun encadre participativo, onde a
xustiza social e a igualdade sexan o obxectivo.
No texto sinálanse puntos de acordo referentes aos dereitos
sociais e políticos, para responder a unha situación de emerxencia social e
desigualdade, cunha maioría social golpeada polas políticas de austeridade
neoliberal. Sublíñase a defensa dos bens comúns e o rescate da democracia,
impulsando unha participación aberta a todos os niveis, para un novo modelo de
relación entre as institucións e a cidadanía.
Os procesos constituíntes, a soberanía e o dereito a
decidir constitúen outro dos aspectos do
documento, desde a consciencia colectiva de Galicia como nación e da cidadanía
galega como suxeito político. Recóllese tamén a articulación dun proceso
participativo que constitúa unha ferramenta en mans da cidadanía.
No encaixe xurídico e político, o espazo social e
político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia co
principio do pobo galego como suxeito político soberano para todos os efectos e
todos os planos.
O fundamento da igualdade desde a perspectiva de xénero e
o establecemento de mecanismos de rendición de contas, concretan outros trazos.