A renovación na Xunta supón un novo impulso
social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento. Ademais da aposta polos servizos públicos,
refórzanse os ámbitos rural e marítimo para que a recuperación poida chegar a todos
os sectores e ámbitos poboacionais; así como o medio ambiente e a ordenación do
territorio para que esta sexa sostible. Así mesmo, lígase o emprego á promoción
económica e á innovación industrial.
A remodelación supón unha maior presenza do
ámbito social no Goberno coa creación dunha Consellería de Política Social, na
que estará ao fronte José Manuel Rey Varela. Así mesmo, Jesús Vázquez Almuíña
será o novo Conselleiro de Sanidade. Por outra banda, esta remodelación supón
redobrar esforzos no sector primario. Ángeles Vázquez Mejuto será Conselleira do
Medio Rural e Rosa Quintana Carballo a Conselleira do Mar. Este cambio de Goberno tamén reforza o ámbito
da ordenación do territorio coa creación dunha Consellería de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio que estará ocupada por Beatriz Mato Otero.
O impulso desta renovación é tamén económico.
Créase a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na que será Conselleira
Ethel Vázquez e as competencias de traballo pasan a formar parte da Consellería
de Economía, Emprego e Industria con Francisco Conde como Conselleiro.
Vázquez Almuiña
Jesús Vázquez Almuíña naceu en Baiona en
1962. É licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral pola Facultade de Medicina da
Universidade de Santiago de Compostela. É especialista en Medicina Familiar e
Comunitaria, experto universitario en Admisión e Documentación Clínica pola
Universidade Complutense de Madrid e ten un Máster en Dereito Sanitario pola
Universidade da Coruña.
É alcalde de Baiona
desde 2004 e deputado provincial en Pontevedra desde 2003.
Foi director
provincial do Sergas de Pontevedra; director-xerente do Hospital Meixoeiro;
coordinador do servizo de Admisión, Documentación Clínica e Atención ao
Paciente do Hospital Meixoeiro de Vigo; e médico do Servizo de Admisión do
mesmo hospital. Con anterioridade, foi coordinador dos servizos de arquivo e
Documentación Clínica e Atención ao Paciente en Povisa; xefe do Servizo de
Recepción e Xestión de Pacientes no mesmo centro e médico no servizo de
Urxencias. Tamén exerceu como médico de Medicina Familiar e Comunitaria na
Unidade Docente de Segovia.
Rey Varela
José
Manuel Rey Varela naceu en Ferrol en 1975. É licenciado en Dereito pola
Universidad Complutense de Madrid e especialista en Liderado e Xestión Pública
polo IESE Business School. Actualmente,
é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e
concelleiro no Concello de Ferrol.
Entre os
anos 2011 e 2015, exerceu como alcalde de Ferrol, municipio no que é edil desde
2002 e onde tamén foi concelleiro de Facenda, Patrimonio, Emprego e Xuventude entre
2003 e 2007. Tamén foi deputado provincial en A Coruña entre os anos 2007 e 2011.
Así mesmo, foi presidente do Consello da Xuventude de Ferrol e de tesoureiro do
Consello da Xuventude de Galicia.
Ángeles Vázquez
Ángeles Vázquez
Mejuto naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia
pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía
Aplicada. Así mesmo, é técnica en Información e cultura. É alcaldesa de Melide
desde o ano 2011 ata a actualidade, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e
2007.
No ámbito municipal,
previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de
Cultura, Deportes e Medios de comunicación. Tamén foi deputada provincial en A
Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados
por esa mesma provincia. Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística,
como directora da radio municipal melidense e como corresponsal en medios de
comunicación.