O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou
hoxe que o convenio de colaboración para a Docencia Clínica de Medicina ten
como obxectivo primordial fortalecer a educación e a sanidade pública en
Galicia. Así o expresaba o
responsable autonómico tras presidir, acompañado polos conselleiros de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Jesús
Vázquez, o acto de sinatura do convenio de Docencia Clínica.
Como engadiu Feijóo, trátase dun acordo histórico,
froito da unión, da concertación e da intelixencia e que non tería sido posible
sen a xenerosidade e sen a altura de miras amosada polos reitores das
Universidades de Santiago, Juan Viaño; de Vigo, Salustiano Mato; e da Coruña,
Xosé Luís Armesto.
Segundo o presidente da Xunta, o dito acordo reforza
as sinerxías entre o Servizo Galego de Saúde e o Sistema Universitario de
Galicia para dar cumprimento a un obxectivo que prevalece sobre calquera outro:
fortalecer a educación pública galega e fortalecer a sanidade pública. Con este convenio, o titular do Goberno galego
recalcou que non só se mellora a docencia da Medicina na Comunidade, senón que,
á súa vez, fórmase unha canteira de futuros profesionais do Servizo Galego de Saúde
máis preparados e cualificados, de acordo aos novos retos da ciencia médica.
A
Facultade de Medicina da USC, a única que imparta o Grao de Medicina
O presidente da Xunta explicou este convenio
descentraliza a docencia clínica do grao de Medicina da Universidade de
Santiago, de xeito que a partir do curso 2015-2016 o profesorado das
universidades de Vigo e A Coruña que imparte clase en titulacións vinculadas á
área da saúde, tamén poderá facerse cargo da docencia clínica do grao de
Medicina nos respectivos hospitais universitarios.
Regula, así, aspectos como os procedementos de
colaboración entre centros, ou o réxime xurídico do persoal colaborador e dos
profesionais sanitarios contratados que se incorporan á docencia universitaria. Pero, por outra banda, este texto ratifica ademais
que será a Facultade de Medicina da USC a única que imparta o Grao de Medicina
no Sistema Universitario de Galicia, outorgándolle exclusivamente a este centro
a plena responsabilidade académica sobre esta titulación.
Deste xeito, a Facultade de Medicina compostelá
encargarase de planificar e coordinar a docencia de todos os estudantes deste
grao nos diferentes espazos nos que se imparte. Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que este
acordo ten tras de si o traballo conxunto das consellerías de Educación e de
Sanidade e as tres universidades galegas. Neste senso, cre que non cabe dúbida
de que así é porque dá unha resposta definitiva e equitativa ás demandas que
viñan realizando os tres campus no tocante á impartición desta titulación e
porque optimiza todos os recursos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde e a propia universidade para
poñelos ao servizo do ensino, do alumnado; e, polo tanto, en beneficio non só
da sanidade, senón tamén da investigación médica.
Do mesmo xeito, Feijóo apuntou que se trata dun
acordo de gran simbolismo porque nace da unidade de acción entre as tres
universidades (USC, UDC e UVigo) para facer de Galicia un referente na docencia
da Medicina.
Plan de financiamento
universitario 2016-2020
Por outra banda, Feijóo
destacou que o mesmo espírito construtivo e a mesma vocación de servizo e de
cooperación do convenio son as que tamén se pretende que estean presentes no
Plan de financiamento universitario 2016-2020, que a vindeira semana se someterá
á aprobación do Consello Galego de Universidades para que, posteriormente, sexa
aprobado polo Goberno de Galicia.
Trátase dun plan que deseña un
marco de estabilidade financeira para as tres universidades galegas ata o
vindeiro lustro, e que reflicte o compromiso dos impostos dos galegos co
sistema universitario dos galegos.
Así mesmo, o plan consigna ata
o ano 2020 unha dotación de case 2.480 millóns de euros de financiamento
público, e supón o maior esforzo orzamentario da historia de Galicia en favor
das tres universidades públicas. É dicir, este plan aumenta o orzamento
inicialmente fixado, o que significa un incremento de 374 millóns con respecto
á cantidade contemplada no anterior.
E ademais, como destacou
Feijóo, é un documento que achega máis transparencia na xestión e orienta o
financiamento á consecución de resultados. Responde, en definitiva á idea de
que apostar pola educación superior é apostar polo progreso e polo futuro dun
país.