O secretario
xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Madrid que “as
eleccións xerais do 20 de decembro marcarán o cambio entre o pasado de Mariano
Rajoy e o futuro representado pola aposta reformista do PSOE de Pedro Sánchez”.
En declaracións
aos medios de comunicación durante o Comité Federal do PSOE celebrado en
Madrid, o líder dos socialistas galegos fixo unha valoración “moi positiva da
configuración das listas, en Galicia catro mulleres moi cualificadas encabezan
as candidaturas ao Congreso dos Deputados nas catro provincias galegas, un
reflexo da sociedade aberta e renovada que queremos”.
“Mentres no PP
fuxen do partido, no PSdeG temos incluso o exemplo de persoas que non son
militantes e deciden comprometerse co socialismo”, afirmou Besteiro, que
considera que “os procesos de renovación nos partidos políticos son normais
desde hai moitos anos”.
“O Partido
Socialista é agora un partido que ten moi claro o que ten que facer e con quen,
a aposta renovada e reformista liderada por Pedro Sánchez será protagonista de
goberno nos próximos catro anos, como toda a sociedade poderá ver desde o 20 de
decembro”, afirmou.
O líder dos
socialistas galegos criticou “a división no PP e no goberno, unha situación que
contrasta coa do PSOE, un partido que demostra que hai outra forma de gobernar
e que agora afronta cunha renovación ilusionante e moi positiva o cambio en
España e en Galicia”.