A coordinadora nacional de Esquerda Unida critica, fronte ao triunfalismo do que fai gala o Núñez
Feijóo, que as contas públicas garanten máis débeda, uns investimentos reais
menores e, de novo, o mantemento da desprotección social de amplos sectores da
cidadanía.
Respecto aos Orzamentos
Xerais da Xunta para 2016, dados a coñecer esta mañá, Yolanda Díaz, coordinadora
nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE, ten moi claro que “o pretendido aumento do gasto social no
orzamento é tan real como a vintena de barcos que se ían facer hai tres anos
nos estaleiros galegos”.
Neste senso, Díaz insiste
en que fronte ao triunfalismo do que fai gala o Núñez Feijóo, as contas públicas garanten máis débeda,
uns investimentos reais menores e, de novo, o mantemento da desprotección
social de amplos sectores da cidadanía. “Con estes números de fantasía, Feijóo fai unha emenda á totalidade da
súa práctica orzamentaria destes anos, xa que presenta uns orzamentos levemente
expansivos nun intento de mudar unha política fracasada. Estamos ante un
goberno que tenta salvarse cunhas contas electoralistas”, di.
Neste punto, “haberá que ver a capacidade de Feijóo
para facer fronte a un aumento do gasto do 4,5% coa redución de ingresos
fiscais que se propón”. Segundo explica Yolanda Díaz, “Galicia é a campioa da
débeda (chegaremos a 10.615 millóns de euros), que continúa a aumentar, cun
servizo da débeda que se come 1.598 millóns de euros (un 5,5% máis, con 216
millóns novos de débeda). Sen contar que temos debaixo da alfombra das
privatizacións baixo o réxime das denominadas colaboracións público-privadas,
outros 3.054 millóns de euros de débeda. Os investimentos son raquíticos,
e crecen en só 77 millóns no capítulo VI dos investimentos reais”, completa.
Díaz advertiu dos recortes en educación, tal e como se
desprende do comezo deste curso escolar con máis peches de escolas, menos profesorado,
e novos atrancos na atención á diversidade educativa. “O Goberno, sen embargo,
segue a optar por medidas electoralistas do cheques Bebé, por exemplo”,
recorda.
En materia de emprego, “nun país con 252.500 persoas
na EPA do 2º trimestre e cun moi alto paro de longa duración a partida, que crece
en 16,8 millóns, é francamente ridícula”, critica. Díaz recorda tamén que “os
traballadores e traballadoras públicos están a esperar a derrogación completa da
lei 1/2012, que lles deixa sen importantes dereitos laborais”.
Respecto á dependencia, “o novo conselleiro non sabe
botar ben as contas porque só se contempla atender a 10.000 novos dependentes,
cando só de grado I hai 15.000 novas persoas con dereitos e xa acumulabamos con
anterioridade máis de doce mil persoas sen atender. E todo isto, sen coñecer a
conta xeral dos orzamentos do 2014 e o grao de execución real dos orzamentos do
2015”, apunta.
En definitiva, “destes orzamentos despéndese unha
fiscalidade regresiva e vantaxes para as persoas adiñeiradas: rebaixas
xeralizadas no tramo da tarifa autonómica do IRPF, que afectará practicamente
nada aos que o necesitan e bastante aos que non o precisan. En definitiva, é o
Principio de Mateo, darlle máis aos que máis teñen”. E unha fiscalidade
regresiva é o que non precisa a sociedade galega, senón máis ben dispor de
todos os recursos económicos para incrementar a súa base fiscal, así como
achegar investimentos para saír da crise.
Por último, Díaz resalta que “continúa a demolición do
imposto sobre doazóns e sucesións polo que as arcas públicas perderan case 40
millóns; 2,5 veces os incrementos en políticas de emprego”, remata.