O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo
en valor hoxe a implicación da Fundación Amancio Ortega coa sanidade pública
galega, na que investirá 17 millóns de euros para a incorporación de novos
equipos avanzados de diagnóstico e tratamento do cancro, mamógrafos e aceleradores
lineais, e as obras necesarias de adaptación dos espazos nos que se instalarán.
Trátase da “maior doazón que tivo o Servizo Galego de Saúde, non só polo
cuantitativo, senón polo cualitativo”.
Así o expresaba o máximo responsable autonómico no acto
de presentación e sinatura do convenio de colaboración entre o Sergas e a
Fundación Amancio Ortega, ao que asistiu acompañado polo titular de Sanidade,
Jesús Vázquez Almuíña.
Como
explicou Feijóo, o novo equipamento permitirá incorporar novos mamógrafos dixitais
nun total de 16 centros do Sergas, de xeito que se
poida seguir desenvolvendo coa tecnoloxía máis vangardista o Programa de
Detección Precoz do Cancro de Mama, que o pasado ano acadou máximos históricos
de mulleres convidadas e participantes. Así, en 2014 atendéronse a un total de
155.336 mulleres, o que permitiu diagnosticar de xeito precoz 635 cancros no
seo deste programa.
No que atinxe aos equipos de radioterapia, o titular da
Xunta sinalou que se instalarán 10 aceleradores lineais nos servizos de
radioterapia e actualizaranse dous equipos xa existentes. Con respecto a isto,
Feijóo matizou que as primeiras instalacións xa se comezarán a realizar antes
de Nadal, mentres que as restantes a medida que se vaia esgotando a vida útil
dos equipos que están a funcionar neste momento.
O obxectivo destes novos equipamentos é, como dixo
o presidente do Goberno galego, mellorar a atención dos máis de 220.000 doentes
que atenden estes servizos, incrementar a eficiencia diagnóstica, lograr unha
menor exposición dos pacientes, aumentar a eficacia dos tratamentos e reducir a
súa duración. “Falamos de mellorar a calidade de vida, mesmo de prolongala, de
moita xente, e iso non pode cuantificarse de ningunha maneira”, aseverou o
máximo responsable da Xunta.
Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que este
convenio intégrase no programa a Xunta ten previsto para os vindeiros anos co
fin de renovar a tecnoloxía nos centros do Sergas, e que contará cun
investimento estimado de 88 millóns de euros.
Exemplo de
solidariedade
Como destacou o
presidente, Galicia conta cunha sanidade pública exemplar na que conflúen tanto
o esforzo tributario dos contribuíntes, como a preparación magnífica do persoal
sanitario, como a xestión política das administracións.
Do mesmo xeito, Feijóo quixo agradecer de xeito
especial a filantropía e solidariedade dunha Fundación que avoga por axudar
desde a discreción que a caracteriza. Neste senso, sinalou tamén que este
organismo é reflexo dunha concepción ampla do benestar que inclúe dotacións de
última xeración como as que hoxe se presenta, financiamento de centros
asistenciais, garderías públicas, ou bolsas que abren o horizonte de moitos
mozos.
O presidente da Xunta
destacou, así mesmo, que o que está a facer esta institución forma parte da
conciencia colectiva e está contribuíndo a que esa magnitude que se podería
chamar Produto Interior Solidario, medre en Galicia de maneira admirable. “Creo que contamos cunha cidadanía sa,
solidaria, comprometida e que sente un orgullo inmenso por esta Fundación e os
seus logros”, aseverou Feijóo.