A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación
do Territorio, Beatriz Mato, recordou esta mañá que a nova planta de recuperación
de envases procedentes do lixo en masa, e a remodelación da actual planta de
reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitirá incrementar en máis
dun 36% a capacidade de tratamento de Sogama.
A responsable de Medio Ambiente visitou hoxe
as instalacións do complexo ambiental de Cerceda, no que hoxe Sogama trata un
77% das toneladas de lixo que recibe, polo que cando esta nova planta, na que
se invisten 30 millóns de euros, estea operativa tratará todos os residuos
domésticos que chegan ao complexo, desviando ao vertedoiro única e exclusivamente
a parte que non se poida reciclar ou valorizar material ou enerxeticamente.
A conselleira manifestou que unha das apostas
do Goberno galego é que Sogama continúe medrando, gañando eficiencia e
mellorando o seu servizo. Así, a nova planta de compostaxe nas instalacións do
vertedoiro de Areosa contará cunha capacidade de 15.000 toneladas e cun
investimento de preto de 3 millóns de euros. Tamén está prevista a ampliación
das dúas plantas depuradoras do Complexo Medioambiental de Cerceda no ano 2016,
feito que permitirá procesar as augas recollidas no tanque de tormentas.
stas tres actuacións para mellorar as
instalacións suporán un orzamento de 35 millóns de euros; e ao que se debe
engadir o aforro de 1,5 millóns de euros ao ano, grazas ao novo contrato de
transporte combinado de residuos (por ferrocarril e estrada) que permitirá duplicar
as cantidade que se transportan, pasando dun 25% actual ao 55%.
Modelo
económico
A conselleira de Medio Ambiente sinalou que
Sogama é un modelo de xestión “moderno e económico”, pois é o máis barato das
tres plantas galegas e un dos máis baratos de España. En 2015 o canon de Sogama
foi o terceiro máis baixo entre as empresas de xestión de residuos e valorización
enerxética do noso país.
Destacou tamén que Sogama ten actuado como un
núcleo de concienciación e educación cidadá en materia de reciclaxe e respecto
ao medio ambiente, “unha concienciación pola que se seguirá a traballar baixo a
filosofía das 3 R: reducir, reutilizar e reciclar”, aclarou. En definitiva,
apóstase por unha Sogama con mellores instalacións, que actúe coa máxima
eficiencia, que contribúa á conciencia cidadá, e que ofreza cada día os
mellores servizos aos concellos adheridos.
Referente
Beatriz Mato indicou
que hoxe “ninguén dubida que as instalacións de Sogama son un referente, non só
porque 295 concellos de Galicia, un 94%, están adheridos voluntariamente; senón
porque é unha empresa pública solvente, eficiente e sostible”, tal e como
recoñeceu a Comisión Europea ao outorgarlle un distintivo polos beneficios que
achega ao medio ambiente e á cohesión social de Galicia; e que quedou patente
ao recibir máis de 72 millóns de euros dos fondos de cohesión e o pleno aval de
Bruxelas. Lembrou que este mesmo ano recibiu o premio Cantábrico Excelente, un
distintivo concedido pola xestión ambiental e integral dos residuos que se leva
a cabo e que os datos e estatísticas demostran, aclarou.
A modo de
exemplo, precisou que as previsións apuntan a que este ano se superará o
procesamento de 600.000 toneladas, o mellor resultado dende a súa posta en
marcha en 2002; e tamén se están a producir cotas históricas de produción de
enerxía a través da xestión dos residuos, a produción de enerxía na Planta
Termoeléctrica alcanzará este ano os 360.000 megavatios/hora, un 3,9% máis que
no en 2014. En relación coa recuperación de materiais como o vidro ou o aceiro
residual, a previsión é recuperar neste ano un total de 3.000 toneladas de
vidro e 5.600 de aceiro. A conselleira trasladou que Sogama produce un 11% da
enerxía que consumen os fogares da Comunidade galega.