O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, demandou
hoxe un maior investimento por parte da Xunta “en cultura e lingua”, xa que con
Feijóo as partidas orzamentarias nestas dúas materias “caeron un 56%”.
O líder dos socialistas galegos asistiu en Vigo ao xantar no que se coñeceu
o ditame da 38º edición dos Premios da Crítica de Galicia. “Co PP, a cultura é
un mero símbolo nos orzamentos, temos que apostar e apoiar o sector para que aporte
máis ao PIB”, manifestou.
“Hai que facer máis, por iso os
socialistas galegos consideramos un acerto que Pedro Sánchez pretenda recuperar
o Ministerio de Cultura cando sexa presidente do Goberno, en España e en
Galicia temos que considerar prioritarias a cultura e a lingua”, afirmou.
A preguntas dos medios de comunicación, Besteiro quixo por outra parte
mostrar o seu apoio “ao presidente da Deputación de Lugo e a todo o grupo
socialista provincial, todos puideron ver estes días outra versión do acontecido
silenciada durante catro meses”.
“Agora toca traballar no terceiro mandato progresista na Deputación de Lugo
e demostrar que hai outra forma de facer política, as imaxes onde o Partido Popular
entra en determinadas negociacións con outros deputados non forman parte da
política que lle interesa aos socialistas”, rematou.