O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, subliñou hoxe que esta etapa de recuperación económica que afrontamos é
consecuencia de ter adoptado as medidas e o rumbo que a situación demandaba. Así
o manifestou durante a súa intervención na X Xornada Banco Sabadell de Negocio
Internacional.
O mandatario galego sinalou que a Administración, o
sector industrial e as entidades financeiras traballaron conxuntamente nos
últimos anos, “como elos dunha mesma cadea” para xerar o que se coñece como un
“ecosistema facilitador”, un sistema de oportunidades para as empresas do noso
país. Nese senso,
destacou que cada vez son máis os indicadores económicos que ratifican ese
esforzo conxunto.
Así, resaltou que Galicia acumula sete semestres seguidos de
crecemento, situándose no 1,8%, que a demanda interna na Comunidade creceu un
2,3% no segundo trimestre, ou que a inversión das empresas aumentou un 7,2%, o
mellor dato desde o ano 2007. Feijóo, tamén incidiu nas boas cifras acadadas en
termos de facturación e exportación, nun momento no que, tal e como subliñou,
as exportacións rexistradas ata agosto son un 4,5% superiores ás rexistradas no
mesmo período do ano anterior.
Datos que, tal e
como asegurou o presidente da Xunta, nos fan pensar que imos camiño de pechar
un novo ano de récord histórico no que a estas operacións comerciais se refire.
E que, tal e como proseguiu, demostran que a empresa galega
perdeu o medo a vender no estranxeiro, “porque sabe que non o fai soa, ao seu
carácter emprendedor súmanse toda unha serie de ferramentas de apoio que o
Goberno galego e as entidades financeiras puxeron ao seu alcance”.
Por parte da Xunta, dixo, establecéronse toda unha
serie de medidas para favorecer o camiño ao exterior das nosas pemes, a través
da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020. Axudas que
permitiron xa que 433 proxectos empresariais fosen aprobados e que permitiron
mobilizar inversións por valor de 21 millóns de euros, especialmente no sector
do contract, engadiu. De feito na
actualidade o número de empresas galegas exportadoras creceu un 28,5% desde
2009, superando a barreira das 6.000.
Sector
financeiro
Feijóo asegurou que non só a Administración estivo
ao lado das pemes, tamén o sector financeiro, que está achegando novas gamas de
produtos e servizos para ofrecerlles solucións á medida e facilitarlles o
acceso ao crédito. “Non me cabe dúbida de que nesta nova etapa tamén estará a
carón da Marca Galicia para darlle a
proxección que se merece”, sinalou.
O titular da Xunta, asegurou tamén que o Banco
Sabadell deu notables mostras de compromiso con Galicia e que agora só cabe
pedirlle que siga sendo un axente activo para contribuír a transformar o actual
crecemento económico en máis emprego e expansión da industria. “Fortalecendo o
tecido empresarial abrimos as portas á inversión estranxeira”, asegurou.
Finalmente, o presidente da Xunta salientou que
Galicia é a terceira comunidade na que é máis sinxelo construír unha peme
porque se suprimiron gran parte das barreiras
burocráticas e asegurou que o gran reto ao que se enfronta o tecido
empresarial neste momento pasa por saber adaptarse ao novo marco loxístico e
tecnolóxico, a industria 4.0. “Aí é onde estaremos as administracións e as
entidades financeiras, xunto coas Cámaras de comercio, os clústers e as
asociacións empresariais”, dixo.