A Consellería do Medio Rural fixo hoxe
promoción do selo de garantía Galega 100% no derbi Depor Celta. A propia titular do departamento,
Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias
Agroalimentarias, Belén do Campo, participou nesta actividade, que permitiu ao público asistente ao
partido degustar este leite de calidade a través do reparto gratuíto de minibricks,
que se entregaron nunha carpa instalada ao efecto nas inmediacións do estadio
de Riazor.
Esta acción promocional no clásico Depor Celta
enmárcase dentro da campaña de apoio ao sector leiteiro galego que está a
desenvolver a Xunta de Galicia, onde se inclúe a promoción da marca “Galega
100%”. Entre as actividades levadas a cabo nesta campaña de promoción figuran
charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa,
consumidores e usuarios. Estas xornadas, que se están a desenvolver nas
capitais das catro provincias galegas, compleméntanse coa visita a unha
explotación de vacún de leite.
Ademais, o stand de Galega 100% estivo
repartindo minibricks de leite en diferentes eventos deportivos, como as
carreiras pedestres de Santiago e San Martiño, en Ourense, nas que tanto
atletas como público en xeral puideron degustar este leite galego de calidade
diferenciada.
A marca
Galega 100% e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional
Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as
industrias lácteas e os produtores de leite.
Con este selo identifícase o leite e os
produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega,
feitos e envasados na nosa Comunidade. Trátase de que o consumidor saiba que a
materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de
explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade
Diferenciada.