O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, afirmou hoxe que en ningunha das
experiencias estatutarias o autogoberno galego nace contra España, senón en
España e con España. Así se expresaba Feijóo na presentación dunha
publicación de Ediciones Teófilo que reúne as constitucións e os estatutos de
autonomía promulgados ao longo da nosa historia, onde destacou que o
Estatuto da Autonomía de Galicia de 1981 e, por tanto o autogoberno galego,
desenvólvese e incorpora facultades nun Estado que fixo da solidariedade entre
territorios o correlato obrigado da solidariedade entre persoas, un logro que, como recoñeceu, non foi doado de acadar.
Segundo engadiu o máximo
mandatario autonómico, os Estatutos da Autonomía de Galicia son fillos das
constitucións e resultado dunha España que se reencontra coa súa diversidade. Do mesmo xeito, fixo fincapé en que os intentos de
recompoñer a España das Autonomías engadindo privilexios identitarios
exclusivos para así calmar a determinados nacionalismos son o reflexo institucional do desexo dos que non soamente
queren ter máis, senón que ademais esixen que os outros teñan menos.
Neste senso, o presidente da Xunta formulouse a
cuestión de se existe esa tentación da que falaba Francisco Vázquez nun artigo
de relegar a Galicia a un pelotón de autonomías con competencias limitadas,
fronte a unha Cataluña e un País Vasco que gozarían dun autogoberno pleno. Como
lembrou, hai proxectos de reforma e federalismos mal explicados que así o
indican. Así mesmo, destacou que cómpre
lembrar por se acaso que o noso Estatuto foi un triunfo da España solidaria e
da Galicia considerada nacionalidade histórica, sobre un Estado concibido en
dúas velocidades.
A
Constitución de 1978
O titular do Goberno galego tamén puxo en valor a
Constitución española de 1978, ano no que se produciu un cambio transcendental
nunha historia de España que parecía seguir un camiño fatídico. Como engadiu,
esa perfecta irmandade entre os cidadáns e os seus dirixentes desbotou a
convicción arraigada no pensamento popular de que España “non ten remedio”.
Para o máximo mandatario
galego, a clave da “nosa revolución gloriosa” pode estar na definición que fai
Adolfo Suárez da tarefa que emprendían os pais da democracia cando pedía
“elevar á categoría política de normal o que a nivel de rúa é simplemente
normal”. Neste senso, Feijóo lembrou que foi a sociedade española a que moldeou a nova Constitución e sería a nova
Constitución a que moldeara un entendemento duradeiro.
Deste xeito, a
Constitución deixaba de ser un intento, descarado ou disimulado, de excluír
para converterse nun modo de incluír, e aí é onde se atopa a diferenza entre o
episodio democratizador da Segunda República e a transición democrática.
Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que pouco hai
de novidoso na pretensión de facer da Constitución unha ferramenta de partido e
no menosprezo do pacto, do acordo, do consenso e dunha saudable ambigüidade que
non satisfai a ninguén e que abrangue a todos. Así, apuntou que basta comparar
os discursos actuais de determinados voceiros, con algúns alegatos radicais que
se oíron no parlamento republicano, para atopar notables semellanzas. “Son as mesmas ideas que frustraron a
esperanza republicana, as que agora pretenden unha revisión despiadada da etapa
máis fecunda da nosa historia”, aseverou o titular da Xunta.
Con respecto a isto,
Feijóo lamentou que os que foron democraticamente derrotados –antieuropeístas,
anti-sistema- independentistas- polo pobo español durante a transición
democrática, aspiran a unha ‘segunda volta’ que lles permita a revancha. Non obstante, como engadiu o presidente, é evidente
que estes líderes están pasando dos plantexamentos teóricos de laboratorio, a
recibir a influenza dunha sociedade alérxica ás aventuras e estanse decatándose
que a España de 2015 nada ten que ver
coa de 1931.