A
Vicepresidencia da Xunta e a ONGD ‘Farmamundi’ volven colaborar nunha
intervención de emerxencia para atender as necesidades básicas de alimento de miles
de refuxiados que sofren o conflito sirio. Con esta
intervención proverase dun lote de alimentos e leite infantil a unhas 2.100
persoas durante dous meses.
A intervención realizarase en
colaboración con JAFRA Foundation for Relief and Youth Development, o habitual
socio local de ‘Farmamundi’ no terreo, que coordina o seu traballo con ACNUR e
UNRWA. O custe ascende a 13.000 euros. A piques de
que se cumpran cinco anos desde que iniciou o conflito sirio, a situación segue
sendo crítica, con 220.000 mortes, once millóns de desprazados, 3,9 millóns de persoas
refuxiadas e 12,2 millóns de persoas dependentes da axuda humanitaria para a
súa supervivencia.
Antes do
conflito, o campo de refuxiados de Al Yarmouk, situado a 8 quilómetros ao sur de Damasco, foi o fogar de preto de
160.000 persoas, a maioría refuxiados palestinos. Instalado no 1957, Al Yarmouk
tornouse en poucos anos nun dos maiores campos de Oriente Medio e nun dos
distritos mais populosos e importantes da capital Siria.
Todo
comezou a cambiar cando, tras a eclosión do conflito interno, Al Yarmouk
convértese nun punto de recepción da poboación desprazada internamente,
chegando a acomodar máis dun millón de persoas durante o verán de 2012. A
situación complicouse cando unha parte do campo é tomada polos rebeldes e as
tropas do goberno responden sitiando a zona, impedindo a entrada e saída de
persoas e produtos para a atención das necesidades básicas, como alimentos,
materiais médicos, combustible, etc.
Para
empeorar mais a situación, o pasado abril o autodenominado Estado Islámico
tomou o campo de Al Yarmouk ameazando profundamente as vidas dos homes,
mulleres, nenos e nenas, sirios e palestinos por igual, nel atrapados. Por esta
razón, a maioría das persoas foxen en busca doutros lugares mais seguros,
quedando atrapados no campo unhas 18.000 persoas que teñen sido vítimas de
bombardeos e violentos enfrontamentos entre o Exército e grupos rebeldes. Desde
xullo de 2013, preto de 200 civís morreron por falta de comida, medicinas,
atención médica adecuada e disparos dos francotiradores. Por esta
razón é vital que a axuda continúe, en particular en forma de alimentos,
garantindo que a poboación civil poda dar cobertura as súas necesidades
humanitarias mais básicas.
Esta
actuación súmase a outras que Xunta e ‘Farmamundi’ realizan conxuntamente desde o ano 2009 no marco dun convenio de
colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas
por catástrofes de orixe natural ou humano. Ao longo destes
anos activáronse operativos de resposta ante diferentes emerxencias, como o
terremoto en Haití, os tifóns Ketsana e Hayan en Filipinas, o conflito na
República Democrático do Congo ou as choivas torrenciais no Salvador e
Nicaragua, entre outras.