O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta
inicia o deseño do Plan de Apoio á Natalidade coa Tarxeta Benvida, que achegará
100 euros ao mes para os nenos e nenas que nazan a partir do 1 de xaneiro de
2016. Como
sinalou o máximo responsable autonómico, trátase dunha tarxeta coa que as nais
e os pais galegos poderán costear parte dos gastos que ten un bebé nos seus
primeiros momentos de vida. Neste senso, quixo destacar tres aspectos
fundamentais.
Por unha
banda, o titular da Xunta puxo en valor a axilidade coa que se ten desenvolvido
o proceso de preparación desta tarxeta, que ten unha complexidade
administrativa importante. Con respecto a isto, recoñeceu que, pese a iso, todo
está listo para que o próximo 30 de decembro o Diario Oficial de Galicia
publique a orde correspondente, é dicir, para que os pais poidan solicitar a
axuda desde o mesmo 1 de xaneiro do ano que vén.
En segundo
lugar, subliñou que se teña chegado a un plantexamento máis ambicioso que o que
se barallara inicialmente, para poder chegar a máis familias e para chegar a
todos os tipos de familias: máis familias porque o 85% das familias recibirán
esa tarxeta benvida e máis tipos de familias porque os límites de renda fixados
facilita que se teña en conta, por exemplo, a
familias monoparentais ou familias numerosas.
Con
respecto a isto, o conselleiro de Política Social engadiu que o obxectivo do
Goberno é que a Tarxeta Benvida chegue a 8 de cada 10 familias e que terá un
financiamento plurianual de 18 millóns de euros. A este respecto apuntou que o
importe total desta axuda supón o 10% dos recursos económicos que en 2016 a
Consellería de Política Social destinará a este ámbito.
En terceiro lugar, Feijóo destacou o aspecto cualitativo
da tarxeta benvida, que cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o
nacemento dunha filla ou dun fillo. É dicir, gastos de alimentación, gastos de
hixiene e gastos en produtos farmacéuticos, xa que a tarxeta poderá canxearse
tanto en supermercados e tendas de alimentación como farmacias e parafarmacias.
Programa de Apoio á Natalidade (PAN)
Segundo recalcou Feijóo, a Tarxeta Benvida nin é a
primeira medida que adoptamos nin tampouco será a última neste eido, xa que se
enmarca no seo do Programa de Apoio á Natalidade, que tamén hoxe se deseñou a
grosso modo no Consello, a través da fixación de tres obxectivos básicos: que
Galicia sexa un lugar que ofreza axudas para afrontar os gastos que supón o
nacemento dun fillo; que sexa un lugar que apoie a conciliación da vida
familiar e laboral, como se acadará co bono–gardería ou o bono-coidador; e o obxectivo
de que Galicia sexa un lugar que garanta os servizos públicos, tanto sociais
como sanitarios, que máis precisan as nenas e os nenos, como se logra, por
exemplo, facendo que sexa a comunidade coas vacinas infantís máis accesibles de
toda España.
Pola
súa conta, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela salientou
que a través do Programa de Apoio á Natalidade e da Tarxeta Benvida “aspiramos
a que Galicia sexa un lugar mellor para vivir e para formar unha familia”.
“Pretendemos ser unha Administración máis sensible ás necesidades das
familias”, abondou.
Na
liña do que avanzou o presidente da Xunta, o conselleiro recalcou que o
Programa de Apoio á Natalidade está composto por tres eixos fundamentais que
son as axudas directas ou PAN-Axudas, os programas de conciliación ou
PAN-Concilia e os servizos ou PAN-Servizos. Todas estas medidas, dixo Rey
Varela, teñen por finalidade “facer de Galicia un lugar mellor para ter fillos
pero, sobre todo, o mellor lugar posible para ser neno ou nena”.