O concurso 'Curtas na rede', organizado pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude de Galicia, premiará a minipelícula gravado co teléfono móbil máis votada polos internautas. A participación de "micromovies" é unha das novidades da segunda convocatoria do concurso, presentada hoxe en Santiago e dispoñible na web (www.curtasnarede.es). Nesta nova convocatoria, as curtametraxes que se presenten a concurso partirán de temas como o medio ambiente, a mocidade, a emigración e as visións novas e alleas. O obxectivo do certame é "servir de escaparate da creatividade galega non profesional", con internet como espazo de comunicación, segundo explicou o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias. Neste mesmo espazo web, os concursantes disporán espazo para escribir unha bitácora sobre as anécdotas e o desenvolvemento da rodaxe. A Secretaría Xeral de Emigración e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible implicáronse na segunda convocatoria do concurso, apoiado tamén pola Crtvg, o Consorcio Audiovisual, R e Blu:sens. O secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, pretende fomentar a participación da "mocidade galega ou descendente de galegos residentes no exterior" e así "retomar o seu vínculo con Galicia" a través da rede e da creación. Pola súa banda, o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez, espera que a rede "xere novas ideas, debate e sensibilización respecto do medio ambiente". Premios Os interesados poderán enviar as súas curtas inéditas ata o 15 de setembro. A organización establece tres categorías distintas por tramos de idade: de 15 a 22 anos, de 23 a 50 e de 51 en diante. Dentro de cada categoría, haberá un premio de 1.500 euros para cada unha das temáticas. Este ano súmase ademais o premio á mellor interpretación masculina e feminina, o premio do público á curta máis votada a través da rede e a 'micromovie' máis votada por internet, dotada de 1.500 euros cada un, así como un premio á mellor bitácora do concurso, con 600 euros. Os votantes entrarán nun sorteo de 300 euros. Na primeira edición de 'Curtas na rede' presentáronse un total de 60 traballos, dos que 15 foron premiados. O feito de recibir algunha mención neste concurso "é unha boa carta de presentación para a curtametraxe", segundo explicou a AGN o gañador do premio á Creatividade e Orixinalidade da pasada edición, Pablo Millán, pola curta 'O Conxuro'. O novo creador valorou o "amplo número de obras" que resultan seleccionadas neste certame, e que "facilita o camiño" noutros festivais. Millán presentou a curta 'O Conxuro' A curta 'O conxuro' presentouse despois ao Festival de León, onde resultou finalista, acadou o premio Itscom no Kawasaki Digital Short Film Festival de Xapón e unha mención no Festival de Cine de Ficción de Manchester. E hoxe segue a presentarse a distintos festivais de curtas de todo o mundo, como o Boston Underground.