Galicia xa é a segunda comunidade autónoma que
dedica máis recursos a investimentos, só superada en esforzo investidor por
Baleares, segundo reflicten os últimos datos de execución orzamentaria publicados
polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. Entre xaneiro e
outubro, a Xunta dedicou a gastos de capital o 10,7% do total do gasto non
financeiro da Comunidade Autónoma. A única autonomía que supera esta cifra é
Baleares, onde o esforzo investidor acadou o 11,2%.
Hai que ter en conta que, no mes de outubro de
2014, Galicia xa ocupaba o terceiro posto en esforzo investidor, só por detrás
de Baleares e Castela e León. A mellora na posición relativa de Galicia débese
ao incremento do gasto en investimento da Xunta (pasa do 9,5 ao 10,7%), mentres
que a media das comunidades autónomas reduciuse do 6,2 ao 5,7%.
Deste xeito, a porcentaxe de gasto en
investimentos da Xunta nos dez primeiros meses do 2015 practicamente duplica a
media autonómica. Segundo os datos do Ministerio, o esforzo investidor do 10,7%
en Galicia é cinco puntos superior á media (5,7%) e sitúase moi por riba doutras
comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña.
Ademais, no capítulo de investimentos Galicia
está a compatibilizar un elevado nivel de execución orzamentaria cun alto grao
de pagamentos. De feito, o nivel de pagamentos sobre o executado acada en
Galicia o 91%, superando en 17 puntos a media autonómica (74%).
Máis orzamento
en 2016
Os Orzamentos da Xunta para este 2016 inclúen
un importante reforzo do capítulo investidor, que medra un 14% respecto ao
pasado exercicio, o que permitirá consolidar a Galicia entre as comunidades con
maior esforzo investidor.