O presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o novo Plan de
Financiamento Universitario 2016-2020 permitirá acadar unha universidade máis
especializada, máis internacional e á cabeza dos novos desafíos
científico-tecnolóxicos.
Así o
expresaba o titular da Xunta na sinatura do convenio entre o Goberno galego e
as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo no marco do Plan Galego de
Financiamento Universitario 2016-2020, onde tamén estiveron presentes o
conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuíña, así como o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.
Alí, Feijóo
aproveitou para agradecer ao reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, ao
da de Vigo, Salustiano Mato, ao reitor en funcións da Universidade da Coruña,
José Luís Armesto, e ao seu sucesor no cargo, Julio Abalde, a súa visión de
conxunto e a súa altura de miras. Como sinalou, o novo Plan de Financiamento
supón un compromiso explícito coa educación pública, coa modernización do
ensino superior, e coa función que desempeña a Universidade como catalizador do
tecido produtivo dun país.
Os fitos históricos para a universidade
galega acadados en 2015
O presidente
da Xunta sinalou que o sistema universitario conta con tres universidades e con
sete campus docentes, pero quere proxectarse no espazo europeo e no resto do
mundo como un campus global, especializado en diversas áreas e á vangarda da
investigación. De feito, apuntou que foi grazas a esa unidade e antepoñendo os
intereses xerais fronte a vontades particulares, como se lograron o pasado ano
fitos históricos para a universidade galega.
Así, lembrou
que se acadou o primeiro acordo sobre docencia clínica no grao de Medicina, que
implica ás tres universidades nun obxectivo común, que é dar valor aos recursos
humanos e ao sistema hospitalario do Sergas na docencia clínica.
Do mesmo
xeito, e por cuarto ano consecutivo, volveron conxelarse os prezos públicos das
matrículas, convertendo unha vez máis a universidade galega na máis accesible
de todo o Estado.
E, ademais,
como destacou, xestáronse os tres convenios que hoxe se asinan coas
universidades galegas a través dos que cada unha delas se suma ao novo Plan
Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 elaborado pola Xunta.
As características do Plan de Financiamento
Segundo
Feijóo, o Plan mobiliza máis fondos, polo que a Xunta garante a estabilidade e
a suficiencia financeira das tres universidades e establece un novo reparto
deses fondos; máis simple e transparente porque se eliminan os chamados
‘criterios históricos’.
Así mesmo, prioriza
a eficiencia na xestión, en liña cos principios que xa foron aplicados na
Administración xeral, e incrementa o peso do financiamento segundo resultados,
tanto docentes, como de investigación ou pola transferencia de coñecemento, co
obxectivo de que en 2020 o 40% dos fondos se repartan en función destes
criterios.
Ademais, como
resaltou o titular do Goberno galego, o novo Plan conta con máis fondos porque
estará dotado con preto de 2.480 millóns de euros para os vindeiros cinco anos,
o que supón un 18% máis que co plan anterior. Este
incremento de fondos notarase xa neste ano que acaba de comezar porque as
universidades recibirán máis de 392 millóns de euros, o que significa un
aumento do 4,8% con respecto ao que recibiron en 2015.
Trátase,
como sinalou Feijóo, dunha suba, este 4,8%, que é superior ao crecemento que
rexistran para este 2016 os Orzamentos da Xunta, que é do 4,3%, polo que queda
demostrado o esforzo investidor do Goberno galego na universidade pública.
Por outra
banda, no tocante ao reparto de fondos, outra das novidades que introduce este
plan é que diferenza dous tipos de financiamento: o financiamento estrutural, que
é o que garante a suficiencia do sistema e no que inflúe a distribución do
alumnado e dos créditos matriculados en cada universidade; e o financiamento
por resultados, que ten como obxectivo que en 2020 o traballo docente e
investigador acapare o 40% dos fondos.
Para iso,
potenciarase o fomento da I+D+i cun investimento de 50 millóns de euros en 2016
para seguir impulsando as axudas de captación, formación e retención de talento, e a investigación de
referencia.
Do mesmo
xeito, establécese un panel de 12 indicadores relacionados coa investigación, a
transferencia de coñecemento e a docencia, que servirán para medir o reparto
doutros 55 millóns de euros que se destinarán a esta partida en 2016.
Xunto con
isto, o novo plan contempla, tamén, diversas accións para potenciar a
cooperación interuniversitaria, para fomentar a impartición de graos en inglés
ou para impulsar a especialización dos campus periféricos (como é o caso do
Campus da Auga de Ourense, o Campus Terra de Lugo ou o Campus Industrial de
Ferrol).
Como
concluíu o presidente, logo da súa aprobación unánime polo Consello Galego de
Universidades, e despois do visto e prace por parte do Consello da Xunta, hoxe
remata un proceso de varios meses de negociacións entre a Xunta e as tres
universidades para acadar un plan de financiamento ambicioso, xa que nunca
antes mobilizara tantos fondos para o Sistema Universitario Galego nin recibira
a aprobación unánime da Comunidade Universitaria.