O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, anunciou hoxe catro dos programas de axudas que o Goberno galego porá á
disposición das empresas galegas ao longo do 2016. Trátase dunha “batería de
iniciativas a prol da mellora da competitividade das nosas empresas” na que a
Xunta investirá directamente 22 millóns de euros e que mobilizará preto de 100
millóns.
O presidente lembrou que canto máis robusto
sexa o noso tecido produtivo, máis se consolidará a nosa recuperación económica
e máis empregos se crearán e explicou polo miúdo os catro programas: Galicia
Inviste, Galicia Emprende, as axudas a proxectos piloto de Fábrica 4.0 e os
programas de financiamento de circulante.
Galicia Inviste
Galicia Inviste destina 12 millóns de euros a
proxectos de investimento en obra civil e maquinaria, amais doutros bens de
equipamento, para crear un novo establecemento ou ampliar un xa existente.
Tamén apoia proxectos cun alto potencial de creación de emprego directo e
indirecto.
Segundo Feijóo, prevese que o Galicia Inviste
mobilice en 2016 50 millóns de euros, que axude a manter entre 3.000 e 4.000
empregos e a crear entre 500 e 600 novos. Como novidade, ademais, nesta
convocatoria de axudas ás pemes redúcese o investimento mínimo, que pasa a ser
de 50.000 euros fronte aos 200.000 anteriores.
Feijóo destacou que, entre 2009 e 2014, os
programas de apoio a grandes investimentos do Igape facilitaron 239 proxectos,
que mobilizaron máis de 670 millóns de euros e axudaron a crear ou manter
18.255 empregos.
Galicia Emprende
O segundo dos programas de axudas, Galicia
Emprende, permite cubrir investimentos máis pequenos, de entre 25.000 e 500.000
euros, que realicen empresas novas ou recén establecidas. Son subvencionables
ao abeiro desta liña de axudas a obra civil, bens de equipo, outros activos
fixos mobiliarios, activos inmateriais, gastos de aprovisionamento ou de I+D, e
canon fixo de franquías no primeiro ano, así como gastos de alugueiro de
inmobles.
Tanto en Galicia Inviste como en Galicia
Emprende poderá ser subvencionado o 35 por cento do investimento dunha pequena
empresa e o 25 por cento si se trata dunha mediana empresa. Segundo Feijóo, destínase a esta convocatoria
de Galicia Emprende 3,7 millóns de euros, o que multiplica por sete os fondos
que se lle destinaron o ano pasado: 500.000 euros. Indicou tamén que se prevé
que impulse a creación de 200 novos empregos. Desde 2009, Galicia Emprende
apoiou a creación e mantemento de 574 postos de traballo en 240 proxectos
diferentes.
Fábrica 4.0
En terceiro lugar, a Xunta axudará a impulsar
catro proxectos demostrativos de fábrica intelixente que presenten os clusters
ou asociacións sectoriais. Deste xeito, poderán beneficiarse das axudas unhas
50 empresas galegas.
A dotación conxunta da convocatoria é de 4
millóns de euros, e a subvención máxima por proxecto será de un millón. Esta
inclúe ademais un concurso de ideas con premios de 25.000 euros aos clusters ou
organismos promotores dos mellores proxectos a desenvolver en cada grupo de
empresas.
Son subvencionables investimentos materiais
ou inmateriais (incluíndo software) relacionados co concepto Fábrica do Futuro
segundo a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0.
Financiamento de circulante
Por último —informou Feijóo—, continúase
apoiando ás nosas empresas máis pequenas nunha das tarefas que máis
dificultades lles supoñen: a captación de circulante. Con este cometido existen
dúas liñas con diferentes destinatarios. A primeira é a que se orienta ao
sector lácteo, ao que diriximos 1,6 millóns de euros nas últimas semanas. Cada
explotación poderá dispoñer dun máximo de 200.000 euros destes préstamos con
xuro cero.
A segunda das iniciativas, neste caso
dirixida ás pemes, é o programa Resolve, que achega préstamos bonificados de
entre 3.000 e 150.000 euros. Entre 2009 e 2015 aprobáronse case 3.000 solicitudes
dun destes préstamos, que mobilizaron conxuntamente máis de 97 millóns de
euros. En ambos os dous casos, estes préstamos de circulante poderán devolverse
un prazo de ata 7 anos, incluíndo dous de carencia.