O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, avogou hoxe por que as tres universidades e os sete campus galegos
traballen en plena sintonía e buscando obxectivos comúns para consolidar o
prestixio da universidade pública en Galicia. Así o manifestou no acto de toma
de posesión de Julio Abalde como novo reitor da Universidade da Coruña.
O titular da Xunta sinalou que para que a
Universidade galega reverta todos os seus efectos positivos no tecido social e
económico da Comunidade, cómpre ter perspectiva de conxunto e traballo
coordinado para que o Sistema Universitario Galego poida proxectar todo o seu
potencial no Espazo Europeo de Educación Superior e no resto do mundo.
No Plan de financiamento universitario
2016-2020 asinado a pasada semana, dixo, “está a proba de como antepoñendo os
intereses de Galicia a calquera individualidade podemos aspirar a dotarnos dun
Sistema Universitario máis competitivo, internacional e especializado”. E con
esta fórmula, agregou, non só se ten aprobado o maior esforzo orzamentario da
historia de Galicia en apoio da nosa Universidade, senón outros acordos como o
decreto de titulacións, o mantemento das taxas universitarias más baixas do
Estado ou o convenio de docencia clínica.
Feijóo salientou que a gran tarefa colectiva
que teñen ante si as universidades galegas nos vindeiros anos é a de proseguir
coa adaptación constante da oferta educativa e co desenvolvemento normativo; a
de continuar fomentando a cooperación interuniversitaria e a de aumentar e
diversificar as fontes de financiamento. En definitiva, asegurou, seguir
impulsando a especialización universitaria que lle imprime ao Sistema
Universitario de Galicia un valor engadido no panorama universitario español.
Son desafíos que, en palabras do presidente,
débense afrontar con ilusión, con sentido de país e con plena disposición á
colaboración para construír a Universidade de prestixio que Galicia merece.
Consolidar a madurez da UDC
Sobre a Universidade da Coruña, destacou que
o mandato que asume Julio Abalde supón unha nova etapa onde consolidar a
madurez desta institución con 25 anos de historia. Un período para continuar co
seu labor de promoción social na cidade da Coruña, proseguir coa
especialización do Campus Industrial de Ferrol, impulsar a internacionalización
da Universidade e para mellorar a transferencia de coñecemento cara ás empresas
e institucións socioeconómicas da súa contorna.
O Goberno galego, dixo, “está a estará ao
lado das universidades e ao lado da Universidade da Coruña, apoiando as
decisións que este novo equipo reitoral tome no desempeño da súa autonomía”, e
convencido de que o Sistema Universitario Galego “ten por diante un camiño
colmado de éxitos”. “A Galicia non lle falta talento e á nosa Universidade non
lle faltarán recursos”, concluíu.