Galicia
conta desde hoxe co primeiro Plan de
Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da demarcación Galicia-Costa, unha vez
que este documento pasou hoxe o seu último trámite administrativo ao ser
aprobado polo Consello de Ministros. Estamos ante a folla de ruta ata 2021 en
situacións de risco de inundacións ou como xestionalas si estas chegan a
producirse.
O obxectivo
do PXRI é lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas
e a sociedade para diminuír o risco das inundacións e reducir as súas
consecuencias negativas, especialmente naquelas áreas identificadas con maior
risco.
A finalidade
do PXRI é minimizar o risco de inundacións, dentro do posible -dado que en
determinados casos estes fenómenos son ata o de agora inevitables- e paliar os
seus efectos. Para conseguilo, márcase as seguintes metas a nivel xeral:
incrementar a percepción do risco e das estratexias de autoprotección entre a
poboación; mellorar a coordinación administrativa, a capacidade preditiva e a
ordenación do territorio en zonas inundables; diminuír a perigosidade para a saúde
humana, as actividades económicas, o patrimonio cultural e o medio ambiente; e
contribuír ao mantemento do bo estado das masas de augas.
Así, o Plan
recolle as medidas que cada administración debe aplicar no ámbito das súas
competencias para acadar estes obxectivos. Todas estas actuacións articúlanse
ao redor da prevención, a protección, a preparación, e a recuperación/revisión.
No eido da prevención, contémplanse medidas como a adaptación dos plans
urbanísticos ou a conservación de canles fluviais. En canto á protección,
abordarase a mellora de drenaxe en infraestruturas ou a restauración fluvial e
reforestación de ribeiras. Xa no que se refire ás actuacións en materia de
preparación, mellorarase os sistemas de alerta meteorolóxica e hidrolóxica, así
como a planificación institucional de resposta ante as emerxencias. Por último,
para recuperar e revisar tras as inundacións, o Plan establece medidas como a
execución de obras de emerxencia para reparar infraestruturas afectadas ou a
realización dun diagnóstico posterior da xestión da inundación.
Hai que ter
en conta que, aínda que este é o primeiro PXRI da demarcación Galicia-Costa, xa
existían ferramentas e instrumentos para facer fronte ás inundacións, como o
plan de protección civil ante risco de inundación de Galicia, ou os sistemas de
alerta temperá xa en funcionamento, como Artemis.
Áreas de risco significativo
Antes de
elaborar o Plan, realizáronse dúas fases previas que consistiron na avaliación
preliminar do risco de inundación (EPRI), na que se seleccionaron as Áreas de
Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI) de Galicia. Neste senso,
establecéronse tres áreas de maior risco (Rio Anllóns-Carballo; Rio Ulla e Sar
e Rio Umia-Caldas de Reis).
Posteriormente,
esas zonas reflectíronse a través de mapas de perigo e risco de inundación.
e sobre
estas ARPSI o programa inclúe medidas específicas para actuar en cada unha
destas áreas.