O Camiño de
Santiago foi hoxe un dos grandes protagonistas do espazo dedicado a Galicia na
Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. Nun ano onde a
Ruta Xacobea cobra especial importancia grazas ao Xubileo Extraordinario da
Misericordia, o produto turístico estrela e icona máis universal de Galicia
actuou neste certame como carta de presentación e elemento diferenciador da
comunidade galega.
A directora de
Turismo de Galicia destacou que este Ano da Misericordia enxalzará os valores
do Camiño antes da próxima cita xubilar no 2021. “A amabilidade, a asistencia
ao necesitado, o compañeirismo ou a solidariedade son algúns dos elementos que
se manifestan no Camiño e que están intimamente relacionados coa Misericordia”,
afirmou.
Así mesmo, Nava
Castro resaltou que esta convocatoria incrementará a afluencia de peregrinos e
turistas á comunidade galega contribuíndo a acadar o ambicioso obxectivo fixado
para este 2016 dos cinco millóns de viaxeiros. Neste senso, a
responsable de Turismo da Xunta sinalou que a Xunta de Galicia poñerá en marcha
un plan de actividades culturais que ampliará a oferta turística da nosa
comunidade. “O obxectivo é dinamizar culturalmente os territorios para todos
aqueles viaxeiros que queiran descubrilos desde outra perspectiva”, explicou.
Un
Camiño accesible
Nesta primeira
xornada de Fitur, o salón de actos do stand galego acolleu a presentación da Guía del Camino de Santiago Accesible para todas
las personas que, organizada por Predif. Esta nova guía
facilita ás persoas con diferentes discapacidades información concreta sobre a
accesibilidade do Camiño de Santiago e da súa oferta turística complementaria.
Así, a través da mesma, promóvese a accesibilidade universal e a aplicación dos
criterios de deseño para todas as persoas nas diferentes rutas do Camiño en
Galicia.
Deste xeito,
grazas a esta publicación, os turistas con discapacidade e outras necesidades
diversas, dispoñerán de información sobre a accesibilidade das distintas etapas
do Camiño de Santiago e os seus recursos turísticos, facilitándolles a
planificación da súa experiencia.
Unha ferramenta
fundamental para que todos, sen ningunha distinción, podan gozar deste
itinerario de referencia a nivel mundial.
Referente
internacional
Por outra parte,
o espazo galego albergou unha presentación sobre a ruta de peregrinación
xaponesa KumanoKodo, irmandada co Camiño de Santiago dende 1998. Durante o acto, a
directora de Turismo de Galicia destacou os numerosos actos e intercambios
realizados ao longo destes anos tras a declaración oficial de amizade como
camiños irmáns destas dúas rutas declaradas Patrimonio da Humanidade pola
UNESCO que, segundo explicou, mostran as boas relacións mantidas entre a
prefectura de Wakayama e a comunidade galega.
A responsable de
Turismo da Xunta explicou que estas dúas terras, aínda que se encontran
afastadas entre si, contan con grandes características que as unen como
destinos. Nava Castro
sinalou que o pasado ano foron un total de 1.197 os peregrinos procedentes de
Xapón que realizaron o Camiño de Santiago o que supón un incremento do 9,3% e
en relación ao ano anterior e demostra o interese que esperta neste país a Ruta
Xacobea.