A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro,
presentou hoxe en Madrid no marco de FITUR a nova edición de ‘Galicia a todo
tren’, o programa dos trens turísticos da Comunidade galega. Unha das grandes novidades do programa para
esta nova edición é a saída, por primeira vez na súa historia, do tren
Al-Andalus dende Madrid unindo a capital coa meta do Camiño de Santiago,
Santiago de Compostela.
Segundo explicou Nava Castro, o tren de luxo
máis amplo e espazoso do mundo, realizará unha saída en xullo e outra en agosto
desde Madrid para chegar a Santiago de Compostela. A directora de Turismo de Galicia afirmou que
este feito histórico será de gran importancia para a nosa comunidade, en xeral,
e o Camiño de Santiago, en particular, xa que Madrid é a comunidade autónoma de
onde procederon máis peregrinos no pasado ano 2015.
Dous
novos trens turísticos
Por outra parte, a responsable de Turismo da
Xunta anunciou a incorporación de dúas novas rutas que completarán os sete
trens turísticos de Galicia, a ‘Termal e do Camiño do Norte a Santiago’ e a da
‘Lamprea e o viño do Condado’.
Nava Castro sinalou que o Tren termal e do
Camiño do Norte a Santiago circulará entre A Coruña e Lugo e “permitirá mostrar
tres elementos primordiais da nosa oferta turística, a riqueza termal, o Camiño
de Santiago e o Patrimonio da Humanidade”. Deste xeito, engadiu, “os usuarios
deste tren gozarán das instalacións termais do balnearios de Guitiriz, seguirán
as pegadas dos peregrinos no Camiño do Norte, declarado Patrimonio da
Humanidade en 2015, e viaxarán ao pasado romano na cidade de Lugo”, tamén
declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.
Por outra parte, a directora de Turismo de
Galicia explicou que o ‘Tren da Ruta da Lamprea e o Viño do Condado’ ten programadas
as súas saídas desde Santiago de Compostela. No seu percorrido, segundo sinalou Nava
Castro, este tren turístico achegará aos visitantes ás beiras do río Miño, “o
que lles permitirá coñecer de primeira manun patrimonio etnográfico centrado na
Ruta da lamprea”. Así, neste percorrido, manifestou a directora de Turismo de
Galicia, “visitarán o Pazo de Lourizán e os seus xardíns que conteñen unha
mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia e deteranse na
cidade de Pontevedra para contemplar a cidade e poder xantar na mesma”.
Incremento
da oferta global
No próximo verán mantéñense as rutas dos trens
turísticos que xa circularon o ano pasado relacionadas cos faros, entre Ferrol
e Ribadeo; os xardíns e pazos históricos, entre Ferrol e Ribadeo; e as que
percorren as cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia.
A oferta deste programa compleméntase un ano
máis co Tren do Peregrino, o Tren dos Balnearios e o Galicia Rail Pass, a
través dos que se pode vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do
termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus
múltiples recursos. Con todo, para esta nova edición increméntase
a oferta global en 84 novas prazas.
Produto
de éxito, competitivo e diferencial
Ao longo da súa intervención, a directora de
Turismo de Galicia lembrou que este foi un proxecto turístico pioneiro que se
iniciou no ano 2013 grazas a creación de sinerxías entre os diferentes sectores
e axentes e a conciliación entre o que significa o aproveitamento turístico dun
territorio e a preservación do medio no que se desenvolve.
Nava Castro lembrou que o pasado ano o
programa superou os 2.200 pasaxeiros, incrementándose a demanda en máis de
cinco puntos porcentuais en relación á edición anterior, alcanzando unha
ocupación do 87%. Para rematar, a directora de Turismo de
Galicia agradeceu a colaboración “tan intensa de RENFE e a da Deputación de
Ourense, grazas a cal este programa é hoxe, non só unha realidade senón un
produto de éxito, competitivo e diferencial”.