A Sociedade Galega de Medio Ambiente
(Sogama) acadou o pasado ano os seus máximos históricos en eficiencia
industrial. Así, a planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible
superou a súa capacidade de deseño e
chegou a tratar preto de 584.000 toneladas de residuos; mentres que as plantas
de coxeneración e valorización bateron tamén récords en produción enerxética.
De feito, a termoeléctrica logrou ser a de maior eficiencia e produción das 10
infraestruturas destas características que existen en España.
Así o expuxo hoxe o presidente de Sogama,
Javier Domínguez Lino, que fixo balance da actividade da empresa pública
durante 2015. Ao respecto, recordou que Sogama asume actualmente a xestión dos
residuos urbanos de 295 concellos galegos, o que representa o 94 por cento do
total. Conta coas seguintes instalacións: o complexo medioambiental de Cerceda,
o vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda) e unha rede
conformada por 37 plantas de transferencia distribuídas polas catro provincias.
Destas, 20 están baixo a súa titularidade, repartíndose o resto da seguinte
forma: 11 miniplantas na provincia de Ourense, construídas pola Deputación
provincial; 5 plantas construídas pola Xunta en diferentes concellos; e 1
planta na mancomunidade do Morrazo.
En concreto, en 2015 as plantas termoeléctrica,
de coxeneración e de biogás produciron máis de 516.000 MWh, case un 4,5 por
cento máis que en 2014 e preto dun 30 por cento máis que en 2008. De feito, a enerxía xerada en Sogama equivale
ao 11 por cento da consumida polos fogares galegos.
No caso das 584.000 toneladas de residuos
tratadas na planta de reciclaxe,tratamento e elaboración de combustible, esta
cifra supuxo un 1,25 por cento máis que en 2014 e practicamente un 28 por cento
máis que en 2008.
Ademais da eficiencia industrial, o informe
coñecido hoxe polo Consello achega outros datos relevantes de xestión. Grazas á
maior eficiencia de Sogama, descenderon os residuos enviados ao vertedoiro de
Areosa. Esta baixada é dun 55 por cento se se compara coas magnitudes de 2008.
En concreto, hai sete anos vertíanse 413.000 toneladas, unha cantidade que se
reduciu ata 185.000 toneladas en 2015. De feito, o pasado ano foi o exercicio
no que menos cantidade de lixo se desviou a Areosa.
Por outra banda, continúa unha tendencia á
alza na entrada de envases lixeiros. En 2008 entraban na planta de
clasificación unhas 11.200 toneladas, mentres que en 2015 acadouse unha cifra
de case 21.000 toneladas. “En definitiva”, rematou Domínguez Lino,
“estamos falando, sen lugar a dúbidas, dos mellores resultados da historia de
Sogama”.
Outras actividades
A actividade de Sogama destacou tamén
noutros aspectos, que se suman aos referidos á eficiencia industrial. Segundo
explicou o presidente de Sogama, esta empresa pública desenvolve un importante
traballo de divulgación, información e formación de cara á sociedade.
Neste ámbito, destacan actividades como o
programa de compostaxe doméstica, que se continuou ampliando en 2015.
Actualmente, están adheridos á mesma 103 concellos, 52 centros educativos, e 9
colectivos sociais. Só o ano pasado Sogama repartiu 1.000 composteiros,
ascendendo a 5.000 o total de recipientes distribuidos desde o inicio do
programa. Esta campaña inclúe tamén cursos de formación, edición de material
didáctico e asesoramento técnico aos concellos participantes na mesma.
O pasado ano tamén se organizaron tres
cursos de formación en liña, nos que participaron unhas 150 persoas entre
representantes municipais, axentes da Garda Civil e profesorado de Educación
secundaria. Neste mesmo ámbito de actuación tamén destacou o xogo xigante “Un
partido polo planeta”, que circulou de forma itinerante por preto de medio
cento de colexios galegos. Nos centros educativos tamén se desenvolveu outra
iniciativa, o programa “Recíclate con Sogama”, que fomenta a recollida
selectiva de residuos, estando canalizado a través do Plan Proxecta de Xunta de
Galica, que persigue a educación en valores.
Tamén cabería destacar as visitas ao
complexo de Cerceda e ás plantas de transferencia, que se saldaron, en 2015,
cun balance de 3.269 visitantes (un 5% máis que en 2014(. No obstante, desde o
inicio da súa actividades, máis de 65.300 persoas pasaron por esta
infraestrutura industrial.
Por último, en 2015 Sogama volveu colaborar
na campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que chegou a más de 53.000
persoas entre agosto de 2014 e xullo de 2015. A campaña xestiónase a través de
formación directa con actividades en aula móbil, centros comerciais, eventos
deportivos, ou visitas ao complexo ambiental de Cerceda.
Novas actuacións
O obxectivo é seguir mellorando Sogama. Por
iso, está previsto que a compañía invista uns 35 millóns de euros neste ano e
os seguintes para ampliar a súa infraestrutura industrial. Gran parte dese
orzamento destinarase á construción dunha nova planta de recuperación de
envases procedente do lixo en masa, que permitirá incrementar nun 30 por cento
a achega ao reciclaxe e reducir, na mesma medida, o depósito no vertedoiro de
Areosa. A capacidade do complexo verase aumentada nun mínimo do 36 por cento. O
obxectivo marcado é que unicamente se verta aquela parte de residuos que non
poida ser reciclada, nin valorizada material ou enerxeticamente.
Tamén se abordará a construción e posta en
marcha dunha nova planta de compostaxe, con capacidade para tratar 15.000
toneladas anuais de residuos orgánicos, e que estará situado no propio
vertedoiro. Grazas á boa xestión realizada, poderanse
realizar estes investimentos e, ao mesmo tempo, manter en 2016 o mesmo canon a
todos os concellos, polo que a contía este ano será a mesma que en 2015 (67,18
euros + IVE por tonelada de lixo xestionada), tal e como se publicará mañá no
Diario Oficial de Galicia.