O presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, avanzou que desde o vindeiro 1 de abril o calendario de vacinación
infantil de Galicia incluirá a vacina da varicela a unha idade máis temperá; é
dicir, a partir dos 15 meses de idade. Segundo sinalou, a vacinación comezará
para os nenos e nenas nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2015, que recibirán a
primeira dose desta vacina cando cumpran os 15 meses de idade e, a segunda, a
medida que vaian facendo os tres anos.
Feijóo explicou que, de acordo ao establecido no ano 2005, seguirase
vacinando como ata o de agora aos preadolescentes que aos 12 anos non teñan
pasado esta enfermidade ou que non estean previamente vacinados. E, de igual
xeito, a aquelas persoas en risco de padecer a doenza.
Estes grupo de risco serían as mulleres
susceptibles en idade fértil non embarazadas, pais de nenos susceptibles e sen
historia de contacto domiciliario previo nun caso de enfermidade, profesionais
sanitarios susceptibles, profesores traballadores de garderías e outro persoal
susceptible con risco elevado de varicela grave, persoas que pola súa situación
clínica teñen alto risco de padecer unha varicela grave ou as súas complicacións.
Un calendario vacinal único
Feijóo indicou que seguindo as recomendacións
do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a vacina contra esta
doenza vaise introducir no Programa Galego de Vacinación con dúas doses: aos 15
meses e aos tres anos; unha medida que conta xa co visto e prace da Comisión
Asesora de Enfermidades Inmunoprevibles de Galicia.
Precisou,
así, que a Consellería de Sanidade xa procedeu a adquirir as doses que fan
falla para dispensar esta vacina ao longo de 2016. Ademais, indicou que para as
persoas que non estean entre os grupos de risco pero desexen recibir esta
vacina, a Axencia Española do Medicamento xa autorizou a súa venda en
farmacias.
Segundo subliñou,
a inclusión desta vacina é unha mostra máis do compromiso da Xunta por facer un
calendario vacinal único, especialmente, centrado nas doenzas infantís. E,
nesta liña, lembrou vai dirixida a campaña de promoción da vacina da tose
ferina para embarazadas, que comezou o pasado mes de decembro.
Por último,
Feijóo sinalou que neste ano 2016 vanse a vacinar uns 15.000 nenos de 15 meses
de idade, e a partir do ano 2017 uns 20.000. A isto súmanse os nenos de 12 anos
que non foran vacinados ou que non tiveran a varicela e aos grupos de risco,
que fan unha media estimada de 6.000 persoas máis cada ano.
Como
engadiu, en total vanse mercar 25.000 doses para este ano, que se poderán ir
incrementando en función dos nenos que vaian cumprindo os tres anos, dos nenos
de 12 anos que non tiveran a enfermidade ou que non foran vacinados, e tendo en
conta tamén a poboación de risco.