Celanova (Ourense).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto
Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos contratos programa como a confirmación de que
a aposta pola educación de calidade “xa non ten volta atrás”. Durante unha
visita ao CEIP Curros Enríquez de Celanova, Feijóo garantiu o compromiso do
Goberno galego de seguir mellorando a educación a través de ferramentas como
esta iniciativa, cuxo obxectivo é “afondar nunha nova forma de aprender, de
ensinar e de implicarse”.
“Estamos a falar
duns contratos programa que integran cursos, contidos, profesores, materias e
persoas. É dicir, que integran un equipo formado polo profesorado, o alumnado e
as familias, coa finalidade de que todos os alumnos do centro traballen nun
proxecto común, poñendo en valor todas as materias que se imparten e integrando
a toda a comunidade educativa”, explicou, logo de incidir en que o obxectivo
máximo é que o alumno sexa o centro do sistema educativo.
O titular do Goberno
galego referiuse ao CEIP Curros Enríquez como un exemplo na aplicación desta
iniciativa, e lembrou que na actualidade 82.000 alumnos de toda Galicia se
están a beneficiar dos contratos programa; “sete veces máis que cando o puxemos
en marcha hai cinco anos, e hoxe un de cada tres centros do ensino público xa
participa nesta iniciativa”.
Agradecemento a toda a comunidade escolar
Feijóo destacou e
agradeceu o traballo e a implicación dos mestres e de toda a comunidade
educativa na aposta por unha educación de calidade e pola súa contribución á
baixada da taxa de abandono escolar. “Non en van —dixo— a taxa de abandono
escolar en 2015 (15,7%) foi a taxa máis baixa da nosa historia, situándonos
practicamente no óptimo da taxa de abandono escolar que sinala a UE, do 15%”, indicou.
O presidente da
Xunta concluíu aludindo á equidade e á integración como os obxectivos básicos
da educación. “Que calquera neno poida estudar é o primeiro obxectivo, que poida
ter as mesmas posibilidades para estudar con independencia do patrimonio e da
renda dos seus pais e con independencia de onde viva. A igualdade empeza na
educación e se todos temos acceso a poder estudar desde a infancia ata a
universidade podemos avanzar”. “E creo
que hoxe Galicia é un territorio onde está garantida a igualdade e a equidade
no acceso ao ensino”, abondou.