A nova Lei do Solo entrará en vigor o próximo 19 de marzo, coa finalidade de facilitar e
axilizar a redacción do planeamento urbanístico aos concellos galegos. O Diario
Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/1oOwNZu) este texto normativo, un dos máis importantes da actual lexislatura e aprobado
o pasado 9 de febreiro no Parlamento de Galicia, un texto lexislativo accesible
para toda a cidadanía e moi participado pola sociedade e da que se aceptaron un 80% das propostas
presentadas.
Tal e como
destacou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz
Mato, o día da aprobación deste texto, Galicia conta cunha nova Lei do Solo que
permitirá dotar a todos os concellos de planeamento, un obxectivo prioritario
posto que o 73% dos concellos galegos non teñen o seu planeamento adaptado ou
carecen del.
A nova lei do
solo é un texto máis sinxelo e simplificado –coa redución dun 31% de artigos
respecto da normativa anterior-, que prevé a redución de trámites- acurta nun
75% a tramitación autonómica dos plans-, o que representa unha oportunidade de
crecemento, que nace con vocación de futuro e de permanencia; e que pon o
interese xeral que supón a paisaxe por riba de calquera interese privado ou
particular.
A modo de
exemplo, a lei establece o marco necesario para que as construcións se adapten
ao contorno, grazas ao fomento da recuperación do xa construído fronte a novas
estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións, poñendo
fin ao deterioro das paisaxe galega. Nese sentido, é un novo marco normativo
que facilita o desenvolvemento sustentable do rural, que impulsa a protección
do mesmo, pero garantindo ao mesmo tempo as súas posibilidade de
desenvolvemento.
Unha das
medidas que recolle esta nova lei é a creación de novas figuras como o Plan
Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio
aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores
dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes
concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a
través do Plan Básico Municipal.
Dende a Xunta de
Galicia deféndese que este texto normativo axudará a contar cunha Galicia
ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta
o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe.