A
conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de manter nas últimas semanas unha
rolda de contactos coas principais industrias lácteas que operan en Galicia, na
que conseguiu que a meirande parte delas se comprometan a recoller este ano,
cando menos, o mesmo volume de leite que o recollido no 2015.
Ángeles
Vázquez felicítase polo compromiso acadado, posto que contribuirá a aportar
unha maior seguridade ao sector produtor nun momento en que a Xunta é consciente
do escenario complexo, cun gran aumento da produción fronte a un descenso do
consumo. Por iso, esta rolda de encontros cos representantes industriais
centrouse en solicitar responsabilidade a estes axentes da cadea de valor, coa
finalidade de darlle estabilidade a un sector tan estratéxico como é o lácteo
para Galicia.
As
industrias lácteas que operan en Galicia e que amosaron a súa disposición a
manter a recollida de leite son: Queserías
Entrepinares S.A.U., Grupo Leche Río
S.A., Grupo Lactalis (neste caso,
o grupo garante a estabilidade dos volumes baseada na media das entregas dos últimos
dous anos), Nestlé S.A., Grupo Danone, Celega S.L., Reny Picot, Corporación Alimentaria Peñasanta S.A., Feiraco S.C.G., Iparlat S.A., Logística Alimentaria S.L. e Leche Celta S.L., entre outras. Trátase das industrias que recollen o
maior volume de leite na nosa Comunidade.
Traballo a prol do sector
Nesta liña,
a conselleira sigue traballando a prol do sector lácteo galego a través dos
distintos eidos. Deste xeito, manifestou a súa intención de continuar instando
ao Goberno central a que prosiga co desenvolvemento e aplicación do Acordo
Lácteo, co obxectivo de dotar de maior transparencia e estabilidade ao sector,
con medidas como o Decreto de cesión de prezos, cuxa publicación urxe, e outras
medidas legais e de fomento da actividade.
Así mesmo, a
titular de Medio Rural viaxará a vindeira semana ata Bruxelas para reunirse co
director de Desenvolvemento Rural da Comisión Europea e co director de Mercados,
coa intención de trasladarlles a importancia de incrementar os controis sobre
os mercados, que aínda que son libres, teñen que cumprir unha serie de
esixencias.