O alcalde de Cerdedo, Silvestre José
Balseiros, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, trasladaron hoxe ao
presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a vontade de iniciar o proceso de
fusión de ambos os dous concellos pontevedreses; unha decisión que Feijóo
aplaudiu como exemplo da “boa política” que antepón os intereses xerais dos
cidadáns aos persoais.
“Felicito aos veciños de Cotobade e de
Cerdedo, parabéns nesta nova fase, nesa gran alianza que permitirá que os
veciños conten cun concello máis grande, con máis poboación, con máis ingresos,
con máis servizos e con menos gastos burocráticos. O pobo merece ter un
concello que quede blindado no mapa municipal de Galicia e de España”,
aseverou.
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que
este municipio quedaría blindado pola súa importancia demográfica, pola súa
importancia territorial e por ser produto dunha fusión derivada da “boa
política e de poñer os intereses dos veciños por riba dos cargos”. “Unha fusión
–engadiu- que contribúe a facer unha Galicia máis viable desde o punto de vista
administrativo e máis forte e máis segura desde o punto de vista do
autogoberno”.
Deste proceso que se vai iniciar de xeito
inmediato, o titular da Xunta destacou, en primeiro lugar, as consecuencias
demográficas: “en Galicia vai nacer un novo concello de máis de 6.000 veciños e
case 250 quilómetros, é dicir, un novo concello de maior peso e maior poboación
no mapa de Pontevedra e de Galicia, é dicir, un concello con máis futuro”.
Así mesmo, subliñou tamén todos os efectos
económicos, entre os que destacou: os derivados polo mero incremento da
poboación, que por si supoñen 1,5 millóns de euros máis de ingresos durante
unha lexislatura; o menor custo burocrático, resultado de facer unha única
corporación municipal; e os aforros ocasionados pola contratación conxunta de
distintos servizos e subministracións.
En terceiro lugar, referiuse aos incentivos
que tería a fusión, como consecuencia das modificacións legais adoptadas con
ese fin nos últimos anos tanto a nivel estatal como autonómico. Sendo os máis
significativos: o incremento do coeficiente de ponderación para calcular a
Participación nos Ingresos do Estado; a dispensa de prestación de novos
servizos mínimos obrigatorios, ou a preferencia en subvencións ou convenios
durante os cinco anos posteriores á fusión.
“E, do mesmo xeito, o novo concello tamén
será beneficiario do Fondo especial para fusións creado pola Xunta, e que este
ano está dotado con 2,2 millóns de euros”, engadiu. Feijóo recoñeceu que foi precisamente esa
certeza de que a unión de esforzos é un camiño axeitado para os concellos, e
especialmente para os máis pequenos, a que hai uns anos motivou ao Goberno
galego para marcar o obxectivo de que a cooperación municipal fose unha norma e
non unha excepción.
Logo de lembrar que a fusión de dous
concellos en Galicia xa non é un feito inédito na historia recente da nosa
Autonomía –“Oza-Cesuras terá sempre ese mérito“-; o presidente do Goberno
galego aseverou que a gran contribución da fusión de Cotobade-Cerdedo sería a
de comezar a consolidar esa aposta pola cooperación, “parcial ou total como
neste caso”, e permitir que Galicia siga sendo pioneira na racionalización do
mapa municipal en España; “racionalización –incidiu- que na nosa opinión é
imprescindible acometer”.
Feijóo concluíu asegurando que a gran alianza
definitiva de Cotobade e de Cerdedo non sería posible se os seus alcaldes
centrasen o debate nos sillóns e non nas decisións que interesan á xente. “Esa
gran alianza non sería posible co regate corto, porque o que esixe é un plantexamento
de longo alcance. Servir aos veciños, poñer as institucións a favor dos
veciños, esa é a boa política que ten unha base moi sinxela pero moi sólida:
antepoñer os intereses xerais da xente aos intereses persoais dos cargos”,
rematou