A parlamentaria
do BNG, Carme Adan afirmou que a lei de Economía social de Galiza carece de
“contidos e medidas concretas” polo que defendeu unha emenda á totalidade no
debate do proxecto de Lei celebrado hoxe no Parlamento galego.
A parlamentaria
tamén acusou ao Goberno de elaborar un proxecto sen financiamento e sen
solucións e de non ter en conta a “transversalidade de xénero”.Neste sentido,
engadiu, que a lei de Economía social
debería materializar unha aposta polo autoemprego das mulleres que a partir de
45 anos teñen máis dificultades á hora de atopar un posto de traballo.
A
nacionalista, tras cualificar o emprendemento de “búscate la vida como
puedas”, afirmou que non existe na nova
lei ningunha referencia ao cooperativismo
nin introduce “as cativas recomendacións” do Informe de xénero. Adán considerou que existen formulas como a
economía do coidado moi relacionada coa economía social polo que mostrou a súa estrañeza ao comprobar que
tampouco aparece recollida ningunha referencia no texto. Sería un bo momento, dixo, de
introducir a relación entre economía e persoas e “o coidado” cumpre ese
obxectivo.
Por
outra parte, Carme Adán explicou que existen unha serie de traballos gratuítos
realizados tradicionalmente por mulleres que pasaron ao ámbito do intercambio
monetario e unha parte importante do mesmo aparecen nalgunhas entidades
reguladas polo proxecto de Lei pero “ningunha perspectiva de xénero” ao
respecto cando é a mellor lei para recoller precisamente esa “transversalidade
de xénero”.
A
deputada confía en que a tramitación da lei, que agora comeza tras ser aprobada
polo grupo maioritario do Partido popular acepte as emendas parciais que presentarán os grupos
parlamentarios para incorporar a proposta do BNG.
A lei,
dixo a parlamentaria tampouco fala de “pobreza ou redistribución” a pesar dos
datos de desemprego polo que reiterou o seu desexo de que nos traballos en
ponencia sexan asumidas: a perspectiva de xénero, medidas concretas e modelos
de financiamento.
Comparecencia do conselleiro de Política Social
Tras a
comparecencia do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey para informar
sobre as liñas xerais da política familiar, Adán cuestionou a intervención do conselleiro da que dixo, a
pesar de existir unha lei de familia aprobada no Parlamento galego, co voto en
contra do BNG, “vostedes non fixeron nada” e hoxe ven a relatarnos o mesmo que
xa nos contou, polo menos en tres ocasións.
A
parlamentaria preguntou que son as políticas de familia que non teñen en conta
as políticas de igualdade e manteñen o “rol de coidadoras” das mulleres cun
traballo non remunerado. Falar de políticas de familia, dixo, é falar de
políticas de corresponsabilidade e igualdade e dunha programación que non obrigue aos membros desas
familias a modificar as súas expectativas vitais de desenvolvemento persoal,
laboral, intelectual en función de si queren o non ter fillos e fillas.
Adán
afirmou que non se pode falar de política familiar sen introducir a perspectiva
de xénero e vostede só se limitou a facer unha descrición da situación
demográfica de Galiza con datos “terribles”. Neste sentido, lembrou que dende
que Feijóo é presidente da Xunta produciuse unha perda importante de poboación
e un grande envellecemento nos últimos anos. Aumenta o envellecemento da
poboación pero non se incrementa a lei de dependencia sobre todo no medio
rural, recalcou a deputada. Departamento de Comunicación