O Grupo
Socialista aprobou hoxe a reforma preventiva da Lei do Solo porque “o conxunto
dos cidadáns non deben pagar os erros e carencias dos representantes públicos”.
Así o explicou o responsable da Área do Territorio, Xosé Sánchez Bugallo, no
debate da Lei de materias en proxectos públicos de urxencia ou excepcional
interese, aprobada para modificar a Lei do Solo antes da súa entrada en vigor.
Os
socialistas galegos aceptaron a Lei presentada pola Xunta malia que non foi
aprobada a emenda “sensata, positiva e razoable” presentada polos socialistas,
polo que Sánchez Bugallo admitiu “defender os intereses dos cidadáns por enriba
dos nosos criterios e pareceres”. O obxectivo é resolver a situación creada
pola suspensión do PXOM de Vigo para non frear o desenvolvemento da área
empresarial ou a estación intermodal.
Sánchez
Bugallo lembrou que esta situación deriva dunha Lei do Solo moi deficiente,
aprobada polo PP sen incorporar unha exención aos proxectos públicos de
urxencia ou excepcional interese, para que non dependan da “inexistencia ou
inadaptación” do planeamento urbanístico. Sinalou que esta é a primeira norma
do Solo dende 1985 que non incorpora esta cláusula.
O goberno
galego tivo que salvar o escollo, sinalou, aprobando hoxe e polo procedemento
de lectura única, unha norma que entrará en vigor un día despois que a propia
Lei do Solo, acadando o cuestionable mérito, lembrou, de modificar unha norma
mesmo antes de que entre en vigor.
Acto de
maldade innecesario
Os
socialistas galegos presentaron unha emenda á totalidade para mellorar o texto
incorporando unha fase de incorporación pública que permita “corrixir erros e dar
seguridade xurídica”. Ademais, buscaba cambiar a consideración do concello como
administración expropiante e beneficiaria da expropiación, o que cualificou
como un “acto de maldade innecesario, inxustificado e carente de toda lóxica”.
Sánchez
Bugallo explicou que “o beneficiario da expropiación pode ser outro que non
sexa o propio Concello”, e sinalou que tal e como o vén de aprobar o PP, o
custe da diferenza dos xustiprezos “recaerá sobre o Concello” e polo tanto
sobre os seus habitantes, o que considerou “fondamente inxusto e innecesario”.
Reclamou que a condición de beneficiario “sexa algo a pactar entre o Concello e
a institución beneficiaria”. Departamento de comunicación