O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe ao
Presidente da Xunta polos diferentes casos de corrupción que afectan ao Partido popular, tanto no
Estado como en Galiza e asegurou que o problema do presidente da Xunta “son as
fotos” e as súas amizades perigosas como Marcial Dorado ou Pachi Lucas das que
segue sen dar explicacións.
Vostede, dixo o nacionalista, declarou nunha entrevista que o Partido
popular tivo unha “resposta morna” en moitos casos de corrupción e engadiu que
“nos faltou astucia e audacia para anticiparnos a estas cuestións e reaxir
sobre as mesmas” pero, matizou Jorquera, vostede referíase ao Estado a pesar de
que en Galiza a corrupción tamén salpica ao seu partido.
“Feijóo mira para outro lado”
No que levamos de ano, explicou Jorquera, o Tribunal Supremo confirmou a condena a seis
anos de cárcere a Marcial Dorado por branquear diñeiro, Pachi
Lucas foi imputado tamén como presunto conseguidor da trama ZETA e o Presidente
da deputación de Ourense, José Manuel Baltar,
imputado pola comisión de dous presuntos delitos, suborno e tráfico de
influencias ao que agora se engade outro por acoso sexual e vostede, segue sen explicar as súas “amizades
perigosas” con Pachi Lucas e Marcial
Dorado e “mirando para outro” lado sobre a imputación de Baltar ao tempo
que premia como asesor da Deputación en
Pontevedra ao dobremente imputado Rafael Louzán.
Ademais, engadiu o nacionalista, “mira tamén para outro lado” ante os indicios de que o
Partido popular galego sexa unha peza central na trama do financiamento ilegal
do PP.
Na súa intervención, Jorquera referiuse as operacións Taula e
Púnica, ao escándalo de ACUAMED, Rodrigo Rato ou Alfonso Grau e mentres isto ocorre, dixo, “Feijóo pide
perdón como político polo teatro das negociacións para formar goberno en Madrid
cando ata Esperanza Aguirre dimitiu e pediu perdón sinalándolle o camiño ao
Sr.Rajoy”. Non se decata, reiterou o deputado,
que o seu partido mentres non se rexenere está inhabilitado para gobernar?.
Fotos comprometidas
O seu goberno aprobou leis par combater a futura corrupción para encubrir a “súa inacción ante
a corrupción presente”. Non
é o BNG quen acusa ao PP de Galiza de financiamento ilegal, son “Naseiro, Pablo
Crespo, Modesto Fernández e outros militantes do seu partido”.
Non é o BNG , recalcou Jorquera
quen revelou a súa relación con Marcial Dorado, “é unha foto”. Pero tamén hai outra foto, que o portavoz nacionalista amosou dende
o escano, an que “aparece Feijóo abrazado ao Presidente de Iberdrola”
no mes de abril do ano 2009. No mes de
febreiro Iberdrola pedía a suspensión do concurso eólico, e en agosto, despois
de “tan tenro abrazo”, a Xunta anula aquel concurso, anulación que agora o Supremo ratifica que “foi ilegal”.
Señor Feijóo, “corrupción tamén
é supeditar o interese público a
intereses privados” e vostede responderá que aínda que Iberdrola só conseguiu
dous megavatios co novo concurso, “iso non é relevante” o realmente importante
é que conseguiu “tirar abaixo un modelo de participación pública” e un modelo
que podía converterse en referencia para
outros territorios.
Finalmente, o portavoz
parlamentario do BNG acusou a Xunta de Feijóo de incorrer en “desviación de
poder”, arruinar o sector e estar obrigados a facer fronte ás indemnizacións,
“vostedes si que crearon inseguridade xurídica”, concluíu. Departamento de Comunicación