Ana Pontón definiu a candidatura que encabeza
como “plural, que combina renovación e experiencia, para darlle un novo pulso
ao BNG e dar a cara nun momento difícil”. Unha lista conformada
maioritariamente cos nomes propostos pola militancia nas asembleas comarcais,
que comporta equilibrio de xénero, territorial, activismo social e acción
institucional, sobre todo de persoas que traballan desde os concellos.
Na presentación da candidatura na
compostelá libraría Couceiro, a deputada estivo acompañada dunha nutrida
representación dos e das integrantes da lista, e subliñou o simbolismo da data
elixida, “o día do nacemento de Rosalía de Castro hai 179 anos, símbolo de
Galiza e espello no que mirarse, reivindicando o valor da rebeldía e
convencidos de somos un país con futuro”, explicou Pontón.
A aspirante a ocupar a responsabilidade
da Portavocía nacional foi clara sinalando que
o nacionalismo “ten que poñerse a punto para enfrontar o futuro”, “facer
autocrítica individual e colectiva”, o que motiva que se opte pola refundación
como a mellor maneira de “fortalecer” a alternativa nacionalista que representa
o BNG. A folla de ruta dese proceso, os tempos e o alcance do mesmo serán os
que determinen as bases do Bloque na Asemblea nacional deste 28 de
febreiro, a futura dirección da
organización a executora.
“É o momento da militancia”, subliñou
Pontón. “Escoitaremos todas as voces para avanzar colectivamente desde o
convencemento de que é o BNG é unha ferramenta política necesaria para Galiza,
fundamental para dar un cambio real e sacar ao país da cuneta onde a deixaron
os anos de goberno de Feijóo e, ao tempo, recuperar a autoestima como pobo”,
argumentou.
“Somos unha candidatura integradora,
unida pola ídea de que todos e todas somos nacionalistas e que Galiza precisa
un proxecto como o que representa o Bloque, sabendo que a situación non é doada
pero que imos saír para adiante”, concluíu.
Na presentación da lista que encabeza
Pontón, Xosé Luís Rivas, Mini, afondou na idea de dar un debate sen
límites. “Imos debater, debater e debater para sacar en limpo que esta
organización tira para adiante poñéndose a punto cos tempos que mudan. Todos e
todas somos necesarias”, salientou. Entre as moitas caras novas da
candidatura, Yesica García, que con 22 anos pon en valor a “voz da xente moza”
dentro do proxecto do BNG, ou Noa Presas, que defende “fortalecer unha fronte
plural nacionalista e a esquerda”.
Goretti Sanmartín, número dous da
lista, destacou o feito de que a candidatura suma persoas que teñen
“coñecemento da organización e da base social, e capacidade para sacar adiante
os retos do momento”. Igualmente, fixo
un chamamento á participación de todas as persoas “que consideren necesaria
unha alternativa nacionalista para este país e para a súa maioría social”,
concluíu. Departamento de Comunicación