O portavoz nacional, Xavier Vence, fixo
un chamamento a toda a militancia a participar na XV Asemblea nacional e
dar “un debate profundo para levantar a
alternativa nacionalista que precisa este país”, tras un proceso de refundación “que debe ser a
fondo para poñer ao BNG en sintonía coa nosa base social e co noso electorado”.
Nunha rolda de prensa de balance do seu
labor desde a Portavocía nacional, Vence subliñou a importancia de 2016 coa
previsible repetición das eleccións estatais e a celebración dos comicios
galegos, que debe ser un “punto de inflexión” na vida política do país ante a
eventual derrota do PP.
“2016 é un ano clave, moi importante
para Galiza e para o nacionalismo, con eleccións que deben ser un punto de
inflexión para a marcha política e económica do país”. Para afrontar esas citas, Vence aposta por un nacionalismo
“capaz de asumir os retos máis urxentes, capaz de volver ser unha alternativa
para a maioría social e contribuír a cambios de alcance”, argumentou.
“A maioría social que sofre as
consecuencias das políticas da dereita ten a oportunidade de derrotar ao PP,
que esnaquizan as conquistas e o benestar social, que esnaquizan a nosa
economía e que esnaquizan o noso autogoberno”, subliñou. “Temos a oportunidade
de darlle a volta a esta situación é o nacionalismo ten que estar aí, ser unha
peza clave para esa derrota do PP”, recalcou.
O portavoz nacional entende que nesa
derrota do PP, “o nacionalismo xógase tamén o seu propio futuro”. “Se acertamos, se xogamos o papel que
unha gran parte da sociedade nos pide nese proceso de derrota do PP e somos
capaces de erguer un goberno alternativo no cal sexamos unha pata importante, o
país saíra beneficiado e o nacionalismo empezará unha nova senda de
recuperación da confianza social, recuperará o papel que queremos que teña,
determinante na construción dunha Galiza con futuro”, explicou ante os medios.
Balance
Vence cualificou de “moi intensos” os tres
anos que pasou exercendo a responsabilidade da Portavocía nacional, marcados
pola aparición de novos axentes políticos tanto no Estado como en Galiza, e fai
un balanzo “realista dos resultados e dos problemas a resolver”.
“Non esperaba un camiño de rosas porque
a situación do Bloque era delicada, por
iso entrei, coa intención de colaborar a recuperar un proxecto”, explicou un
Xavier Vence “razoablemente satisfeito” do traballo feito para “reconectar” coa
sociedade, “pero quédame a sensación de non ter conseguido colocar ao BNG de
novo como forza determinante no panorama político galego”.
Puxo en valor os cambios introducidos
na organización nacionalista ao longo deste período, “no funcionamento interno,
na relación cos movementos sociais, apostando por abrirnos á sociedade nas
asembleas abertas, abrimos un novo diálogo con outras forzas políticas nas eleccións xerais”. “O barco está na boa
dirección”, dixo, e agora a folla de ruta a marcará a militancia na XV Asemblea
nacional.
Vence salientou a “valía e experiencia”
das persoas que se postulan á dirección do BNG, “perfectamente capaces de levar
adiante o cambio” que maioritariamente acorden as bases no conclave do 28F sobre
as diferentes propostas que hai enriba da mesa”, en cuestións como a fórmula de
concorrencia electoral, organización
interna ou alcance e tempos do proceso de refundación.
Proxecto diferenciado e autónomo
O dirixente nacionalista considera
necesario que o Bloque “sexa capaz de presentar unha alternativa gañadora para
as eleccións galegas de 2016, pero queda claro que ninguén no BNG,
absolutamente ninguén, está pensando en diluír o proxecto nacionalista que
representa o Bloque”, enfatizou.
“2016 é un ano para producir unha
inflexión na vida política en Galiza, que pasa por derrotar ao PP e a todo o
que representa para este país e a súa maioría social. Para iso é necesario
sumar a todas as forzas que podan compartir uns puntos mínimos de rexeneración
do país, darlle a volta as políticas de recortes, reforzo do autogoberno e
contribuír así á conciencia nacional de país”. En canto ao seu papel futuro dentro do
Bloque: “Vou estar colaborando no que se me pida”, concluíu. Departamento de Comunicación