O secretario
xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou esta mañá a Ría do Burgo xunto co
secretario provincial e alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, onde lembraron
que unha das medidas trasladadas polo PSOE a En Marea nas negociacións para
formar goberno é o saneamento integral desta ría. Besteiro zanxou a súa opinión
sobre a intervención de Rajoy no debate de investidura desta mañá lamentando
que se teña convertido “nunha caricatura de si mesmo” e pediulle a En Marea
“máis profundidade” para votar si a medidas moi importantes para Galicia,
porque “entrar nun discurso demagóxico” será “profundamente frustrante” para a
cidadanía e os seus votantes. “Deben dicir claro se queren cambio ou se teñen
outro tipo de obxectivos e prefiren que siga Rajoy”.
“O partido socialista tivo unha actitude coa
Marea que nin sequera tivo Podemos. Somos nós os que poñemos enriba da mesa as
reivindicacións e as preocupacións de Galicia, porque ata hai uns días nin tan
sequera sabiamos que propostas tiñan. Dígoo porque no documento que se remitiu
por parte de Podemos ao partido socialista non se mencionaba para nada Galicia.
O PSOE tratou cunha actitude moitísimo máis positiva e con máis protagonismo á
Marea que a propia formación da que forma parte no grupo parlamentario en
Madrid”, afirmou Besteiro, que cre que “hai moitos puntos” nos que os
socialistas poden coincidir con En Marea e afirma que “o PSOE segue coa man
tendida” para chegar a un acordo. “Temos tempo. Se realmente se quere cambiar
neste país, pódese, outra cousa é que non se queira por outro tipo de
obxectivos que se queiran conseguir, que son lexítimos pero que deben
explicarlle á xente”, dixo.
“Non se pode estar máis fóra da realidade e
dos problemas dos cidadáns. Son propostas coincidentes, non para satisfacer a
ninguén. Son propostas nas que cre o partido socialista. Cando defendemos a
rexeneración da Ría do Burgo facémolo porque xa o fixemos antes nas emendas dos
Orzamentos do Estado. Cando falamos de Ence, debemos dicir que antes de revogar
hai que facer un proceso de revisión, é bo que sexamos precisos no que queremos
falar para non confundir á xente, porque se non a xente pode entender que
non se sabe do que se está a falar”,
exemplificou.
“Cando falamos dun pacto polo lácteo e o
sector agrario é porque xa o fixemos no noso programa electoral, e a nosa
primeira iniciativa neste novo Congreso xunto coa de Ence se centraba no pacto
lácteo. Falamos de reindustrializar e do naval porque xa o fixemos e o
defendemos nas últimas emendas aos Orzamentos do Estado. Non son propostas para
satisfacer á Marea, son propostas nas que cre o partido socialista e cre que poden
ser puntos de unión con outras formacións políticas que deben dicir claramente
se queren cambiar ou non, se prefiren que siga Rajoy e as políticas do PP”,
dixo. Para isto hai que “ter memoria e ser coherente”, con “máis profundidade e
menos intención de confundir”, afirmou.
Pola súa banda, o secretario provincial do
PSdeG e alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, valorou a proposta do PSOE para
apostar pola rexeneración da Ría do Burgo, polo seu valor medioambiental e
económico para o marisqueo, e lembrou que actualmente “os orzamentos do Estado
non contemplan a totalidade da partida necessaria para o saneamento da ría, xa
que o proxecto son 41 millóns e só se consignan 7”. Departamento de comunicación