O secretario
xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo hoxe no Comité Nacional
Extraordinario activar o proceso de eleccións primarias dos socialistas galegos
despois de que se aclare a gobernabilidade de España.
Na súa
intervención ante o comité, o líder do PSdeG analizou a situación política
actual e destacou “a responsabilidade e a coherencia do noso secretario xeral, Pedro
Sánchez, que recuperou a centralidade para os socialistas cun proxecto de
cambios e reformas”.
“O Partido
Socialista actúa con visión de Estado, mentres que o Partido Popular e Podemos
son agora mesmo as formacións que rexeitan o cambio”, afirmou Besteiro, que
engadiu que “o PP ten que pasar de inmediato á oposición en
España e en Galicia”.
“Cando as mareas
baixan a Madrid non levan os problemas de Galicia, pero cando suben traen os
problemas importados doutras comunidades que aquí non temos”, dixo o secretario
xeral do PSdeG, que lembrou que “os socialistas galegos temos propostas e un proxecto
para os cidadáns”.
“Feijóo durante
sete anos estropeou o poder financeiro, o sector lácteo, hai máis parados e
todos sabemos o que pasou con Pemex, o hospital de Vigo e a lei de acuicultura”,
manifestou Besteiro. “O PSdeG ten un proxecto que comparten os socialistas de
toda España para o naval, o lácteo, a recuperación das rías ou o emprego”,
engadiu.
Programa electoral e Plan de Igualdade
Besteiro
anunciou no comité a posta en marcha de cinco áreas de traballo para a
elaboración do programa electoral con vistas ás eleccións municipais. Lara
Méndez coordinará a de Rexeneración Institucional e Calidade Democrática,
mentres que Abel Losada o fará na de Equilibrio Territorial, Demografía e
Impulso Ambiental.
Obdulia
Taboadela coordinará o grupo de traballo de Cohesión Social e Igualdade; Xaquín
Fernández Leiceaga o de Crecemento Sostible e Emprego de Calidade; e Antón
Louro o de Promoción Cultural e Identidade.
O Comité
Nacional Extraordinario dos socialistas aprobou tamén o Plan de Igualdade,
elaborado pola Secretaría de Igualdade do PSdeG. O partido apoiará as
manifestacións e iniciativas convocadas con motivo do Día da Muller
Traballadora do martes. Comunicación PSdeG-PSOE