Tras o fracaso na
conformación de goberno no Estado, nun proceso “no que Galiza estivo ausente”,
a portavoz nacional, Ana Pontón, subliñou o traballo que vai emprender a
organización para “fortalecer o proxecto nacionalista” que representa o BNG e
ser chave na derrota do PP.
Asegurou que a formación
está preparada para, ante calquera eventualidade electoral, “ser parte fundamental na derrota do PP” que,
en termos políticos e electorais, é “o inimigo a bater”, subliñou. “Este país precisa un
cambio real de políticas, fronte ao desastre que deixa o PP”, salientou Pontón
a preguntas dos medios. “Constatamos que é urxente derrotar un proxecto
centralista que marxina Galiza e aos galegos e galegas”, afondou, “porque cada
vez temos un país máis minguante”, no social, no económico e no político.
En relación ao dereito a
decidir que as forzas nacionalistas reclaman para as nacións sen Estado, Pontón
explicou que falar dese dereito “é falar das cousas do cada día”, ter
ferramentas para poder tomar as decisións que máis conveñan aos intereses de
Galiza.
“Decidir cal debe ser a peaxe na AP-9, quen pode pescar nas nosas rías,
como derrotar a reforma laboral e crear un marco laboral galego con salarios
dignos, determinar a fiscalidade que precisa o país”, citou a modo de exemplos
do que implica o autogoberno que defende o BNG. Departamento de comunicación