O secretario
xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe en
Santiago as áreas de traballo para a elaboración do programa electoral de cara
ás eleccións autonómicas, converténdose desta forma o PSdeG no primeiro partido
en poñelo en marcha.
Besteiro mantivo
a primeira reunión de traballo cos coordinadores das cinco áreas de traballo.
En declaracións aos medios de comunicación, falou da importancia de “fixar as
prioridades dun proxecto de cambios e reformas para solucionar os problemas dos
cidadáns, temos que cambiar Galicia”.
“No comité do
pasado domingo falei de dúas prioridades; por un lado, favorecer a
gobernabilidade de España cun papel protagonista de Galicia, e por outra parte,
comezar a elaborar un programa electoral para as autonómicas centrado nos
problemas que temos”, afirmou.
Lara Méndez
coordinará a área de Rexeneración Institucional e Calidade Democrática. “A alcaldesa
de Lugo ten moita experiencia e na Deputación puxo en marcha os orzamentos
participativos, a inclusión das cláusulas sociais nos contratos públicos ou as cambios
nas mesas de contratación”, explicou Besteiro.
O actual
deputado no Parlamento Abel Losada encargarase da área de Equilibrio
Territorial, Demografía e Impulso Ambiental. “O reto demográfico será unha
prioridade e Losada coñece perfectamente as necesidades de Galicia”, apuntou o
secretario xeral do partido.
Obdulia
Taboadela coordinará o grupo de traballo de Cohesión Social e Igualdade, no que
entrarán aspectos fundamentais como a educación, a sanidade ou os servizos
sociais. “Foi concelleira e subdelegada do goberno, Obdulua Taboadela é un
activo moi importante para o partido”, dixo o líder do PSdeG.
Xaquín Fernández
Leiceaga coordinará a área de Crecemento Sostible e Emprego de Calidade. “Será
unha parte fundamental, Leiceaga ten peso político e académico para aportar
respostas para o agro, o mar, a pesca ou o emprego”, manifestou o secretario
xeral do PSdeG. A quinta área, da man de Antón Louro, será a de Promoción
Cultural e Identidade. “Director xeral de Cultura e delegado do goberno, Louro
aportará ideas para que Galicia teña o protagonismo que merece”, engadiu.
A secretaria de Organización, Pilar Cancela,
levará a coordinación xeral do programa e Aitor Bouza aportará as achegas desde
Xuventudes Socialistas. Os cidadáns poderán participar no proxecto socialista,
achegando as súas ideas e suxerencias na páxina web do PSdeG (http://www.psdeg-psoe.com/participa/propostas/propostas-para-as-eleccions-ao-parlamento-de-galicia/)
e tamén a través de Whatsapp (652 237440) e Telegram. Departamento de comunicación