Primeira reunión
do novo Consello Nacional que deu luz verde a folla de ruta para iniciar o
proceso de debate para a refundación do BNG coa vista posta nas eleccións
galegas e mesmo nun posible adianto electoral a nivel estatal. A portavoz
nacional, Ana Pontón, subliñou o carácter “absolutamente novidoso” deste
proceso co que o BNG quere recuperar o pulso social e electoral e ser chave na
derrota da dereita e das políticas “tóxicas” de Feijóo.
“Iniciamos un proceso nunca vivido no
nacionalismo que ten como obxectivo ampliar a militancia e a base social e
resituar ao BNG como a referencia fundamental para a derrota do PP”, indicou a
dirixente nacionalista, quen convidou a todas as persoas nacionalistas sen
distinción de afiliación ou militancia a que participen “se entenden que o noso
país precisa forzas políticas propias, pois este proceso de debate abre un
espazo cara adentro pero, sobre todo, cara a fora, onde van poder aportar,
definir, soñar e modelar a organización e o futuro do nacionalismo”.
A segunda cuestión aprobada polo
Consello Nacional cualificada de “moi importante” é a preparación para enfrontar as eleccións
de 2016. “A preparación do proceso das eleccións
galegas, e por iso aprobamos iniciar a rolda de contactos con outras
organizacións políticas e colectivos coa finalidade de conformar unha
candidatura nacionalista que ten que ser clave na derrota do PP que está
situando ao noso país nunha situación desastrosa”, explicou a tamén deputada
Ana Pontón.
Para o Bloque, “é evidente que as
políticas de Feijóo son tóxicas e corrosivas para o noso país e necesítase un
cambio de 180 grados no goberno galego e o BNG está traballando desde xa para
ser unha peza fundamental na derrota do PP e poñer en marcha un cambio real no
goberno da Xunta”, argumentou Pontón.
O documento aprobado polo Consello
Nacional marca metodoloxía, cronograma e temas de debate nun proceso
“participativo, aberto, de abaixo arriba”, con tres grandes ámbitos de discusión sen limitación algunha
máis aló do carácter nacionalista e dos principios básicos do BNG referendados
pola militancia na XV Asemblea Nacional. Radiografía da Galiza actual,
estratexia política do nacionalismo galego e participación política e modelo
organizativo.
Amplia renovación
O Consello Nacional renovou ao 43% dos
seus integrantes coa incorporación de xente nova cunha medida de idade por
debaixo dos 35 anos, a maioría procedentes do ámbito do traballo social e do
ámbito de responsabilidade municipal, como é o caso da alcaldesa de Moaña,
Leticia Santos, ou dos portavoces municipais de Lugo, Rubén Arroxo e de
Ribeira, Luis Pérez Barral. Olalla Rodil, Silvia Carballo, Alba Feixóo, Yesica
García, Iago Varela, Raquel Suárez son
tamén “sabia nova” tanto por idade como por incorporarse por vez primeira ao
máximo órgano de dirección do Bloque.
Áreas de traballo
O Consello Nacional aprobou tamén o
reparto de responsabilidades na Executiva nacional que, por primeira vez, pasa
a conformarse en cinco áreas de traballo en substitución do habitual reparto
por secretarias, onde a responsabilidade é colectiva e transversal. En concreto
Área de Organización, de Política Institucional, de Comunicación, de Ideas e
Alternativas Políticas e de Relacións nacionais e internacionais.
Futuro Besteiro
En relación á situación xudicial do
secretario xeral do PSdG, Xosé Ramón López Besteiro, a preguntas dos medios, a
portavoz nacional salientou que, nesa mesma situación tería dimitido con
independencia do máximo respecto pola presunción de inocencia, alegando que os
tempos das responsabilidades políticas non son os da xustiza.
Pontón subliñou
que é ben coñecida a posición do BNG, que pasa pola dimisión de calquera cargo
de responsabilidade ante unha imputación por presuntos delitos de corrupción
investigados pola xustiza, aínda cando se teña convencemento pleno da inocencia
dos afectados e finalmente queden exculpados. Departamento de comunicación