Diego Calvo Pouso
foi elixido esta mañá novo presidente provincial do Partido Popular cos votos
do 92,10% dos compromisarios que asistiron ao XV Congreso Provincial celebrado
na Coruña. A candidatura de
Calvo contou, por tanto, co aval da grande maioría dos votantes, que deron o
seu apoio a un equipo no que Rosa Gallego exercerá como secretaria xeral e que
conta con tres vicepresidentes: Beatriz Mato, Agustín Hernández e José Manuel
Rey. Como vicesecretario de organización e territorial traballará Evaristo Ben
Otero.
Durante a
presentación da súa candidatura, Calvo resaltou que conta cun equipo
“renovado”, con “moita ilusión, moitas ganas de traballar” e que sabe que “ten
a obriga de recuperar a confianza dos coruñeses”. Explicou, ademais, que a
estrutura deseñada responde a oito grandes áreas de traballo (Sector Primario,
Entorno Competitivo, Medio Ambiente, Persoas, Coñecemento, Participación,
Comunicación e Formación) e que recupera a figura dos coordinadores comarcais,
que se dividirán en seis: José Luis Fernández Mouriño na Coruña, Ernesto Anido
en Betanzos, José Manuel López Varela en Bergantiños, Zaira Rodríguez Pérez en
Corcubión, José Manuel Rey Varela en Ferrol, e Luis Oujo Pouso en Barbanza.
“Sabemos que
somos a aposta gañadora”, asegurou Diego Calvo, que animou a todos os presentes
no Congreso a saír ás rúas “coas cabezas altas e os orgullos intactos” porque
“o Partido Popular da Coruña non ten nada de que avergoñarse”.
“Nada de novas e vellas políticas; as políticas son boas
ou malas”
Durante a súa
intervención tras ser proclamado presidente provincial, Diego Calvo fixo unha
férrea defensa das “boas políticas” porque, dixo, “o debate non é se hai novas
e vellas políticas, senón boas e malas políticas, e as boas son as do Partido
Popular”.
Neste senso,
criticou as últimas “incoherencias” desas “chamadas novas políticas” que
reivindican o non ter feito nada para facer algo en política e que proclaman
que o mellor candidato a gobernar unha cidade e un país “é ese que non ten
experiencia na política”.
“Eu me rebelo, e
eu reivindico as boas políticas do Partido Popular, que conta con experiencia
suficiente para facer o que xa fixo máis veces, sacar ao país da crise
económica”, matizou Calvo, que ironizou tamén sobre a última visita de Pedro
Sánchez á Coruña para “reunirse ás agochadas con Xulio Ferreiro e pedirlle o
seu apoio a cambio de que os socialistas coruñeses lle voten os orzamentos”.
Apelou tamén o
novo presidente provincial aos valores morais dun partido “no que crecín, e ao
que me afiliei aos 18 anos” porque “nós non temos dobreces, dicimos en todos os
sitios o mesmo” e “non imos aceptar leccións de ninguén sobre o que é traballar
na rúa, preto da xente, porque iso inventámolo nós”.
Comunicación, formación, participación
Diego Calvo
asegurou que a súa intención é que o Partido Popular da Coruña se confirme como
“a referencia de todos os cidadáns” e que, para iso, insistirá en tres grandes
eixos de traballo: a comunicación, a formación e a participación.
“Temos que
comunicar máis, conseguir que todos os coruñeses entendan o que estamos a
facer, e temos que entrar en todos os debates que se nos plantexen porque o
Partido Popular da Coruña vai ter opinión en calquera asunto de actualidade”,
apuntou Calvo, que tamén insistiu na importancia de formar “aos nosos
militantes, portavoces e alcaldes” a través de áreas de traballo sobre
diferentes materias.
En canto á
participación, o presidente provincial asegurou que “firmo punto por punto a
ponencia que presentou o PPdeG no último Congreso” e incidiu en que desde A
Coruña se darán pasos á celebración de congresos abertos á toda a militancia.
“Comparto iso de un militante, un voto, pero sabemos que para iso é necesario
cambiar os estatutos e que para iso existen uns prazos, porque non se poden
cambiar as regras do xogo no medio do partido”, explicou.
Do mesmo xeito,
insistiu na “grandísima importancia” que lle dá á militancia, e repetiu o que
xa dixo nas reunións celebradas estes días ao longo de toda a provincia. “Somos
30.000 afiliados. Ciudadanos en toda España ten 32.000 afiliados e, nós, só
nesta provincia, somos 30.000. Iso tense que notar”, aseverou, en referencia a
que “cada afiliado ten que ser un militante activo”. Asimesmo,
calificou os cambios no seu equipo como "unha renovación integradora"
porque "aquí ninguén sobra e todos sumamos".
Unha provincia preparada para as eleccións
Finalmente, e
dirixíndose ao presidente Feijóo, Calvo insistiu en que a provincia da Coruña
seguirá a dar exemplo no que respecta á organización de equipos de traballo de
cara ás próximas eleccións autonómicas e mesmo ás municipais do ano 2019. "Quero
volver a sentir ao lado de todos vós a emoción que sentimos nas eleccións do
2009 e do 2011", subliñou o presidente provincial.