O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou
hoxe que o vindeiro sábado entrará en vigor a nova Lei do solo de Galicia,
froito do diálogo e o consenso e que nace con vocación de permanencia. “E farao
–dixo- co obxectivo de acertar, ser útil e posibilitar a ordenación do
territorio e a súa sustentabilidade, que se edifique en Galicia dun xeito
transparente e que os concellos se comprometan a facilitalo ou que deleguen na
Xunta”.
Ao acto de presentación da lei asistiron representantes de colexios profesionais, entidades e
asociacións, axentes e empresas de diversos sectores produtivos e técnicos para
coñecer de primeira man esta nova normativa e a súa aplicación. Nel, Feijóo
afirmou que o texto nace coa premisa fundamental de crear un novo modelo de urbanismo
para Galicia baseado na responsabilidade e a sustentabilidade, nunha ordenación
do territorio máis eficiente e respectuosa co medio e na toma de conciencia
sobre a importancia social, económica e ambiental que ten a nosa paisaxe e a
súa protección.
O presidente da Xunta lembrou que
a nova normativa é a culminación dun proceso que o Goberno galego foi
apuntalando desde 2009. “Improvisacións, poucas, e sobre o futuro dun país,
ningunha”, afirmou. Este compromiso coa planificación demostrouse a través de
medidas como as primeiras Directrices de Ordenación do Territorio da historia
de Galicia, aprobadas en 2011, e o Plan de Ordenación do Litoral, que
estableceu un novo urbanismo para as zonas costeiras, comprometido coa máxima
protección da paisaxe litoral galega e compatible cun crecemento sustentable.
Contribuíron ao seu
desenvolvemento diversas iniciativas en materia de paisaxe que a Xunta puxo en
marcha. Por exemplo, desde a escola, para concienciar desde as idades máis
novas da necesidade de coidar o medio ambiente, este ano implantouse Paisaxe e Sustentabilidade como materia de
libre elección para Secundaria e Bacharelato.
Feijóo tamén citou o
Catálogo das Paisaxes, cuxo borrador está feito por un panel de expertos,
presentado o pasado mes de xaneiro “e que inclúe a delimitación de258 tipos
diferentes de paisaxe que cohabitan en Galicia segundo 5 clases de relevo, 12
clases de uso e 5 clases de clima”. A previsión é que este catálogo sexa
aprobado este verán. Ademais, tamén buscamos a colaboración da cidadanía a
través de diversos obradoiros para a posta en común de ideas e propostas coas
que elaborar as Directrices da Paisaxe.
O presidente precisou que estas
Directrices, xunto co Catálogo, conformarán o futuro Atlas das Paisaxes de
Galicia, o documento definitivo que recollerá todos os instrumentos de
ordenación territorial e urbanística, os informes sectoriais en materia de
paisaxe e os estudos de impacto de integración paisaxística.
Unha Lei
de consenso
Feijóo incidiu en que o novo
texto buscou o máximo consenso con todos os axentes que operan no sector,
abrindo un amplo proceso de participación no que colaboraron 75 axentes sociais
e durante o que se promoveron 30 encontros sectoriais. Nesta liña, agradeceu o
traballo realizado polos arquitectos de Galicia a través do Colexio Oficial de
Arquitectos e moitas outras achegas “que contribuíron a enriquecer o texto e
das que se incluíron 8 de cada 10 alegacións”.
Maiores
facilidades aos concellos para xestionar o seu territorio
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico
afirmou que esta lei non só blinda a autonomía municipal, senón que ofrece aos
concellos maiores facilidades para xestionar o seu territorio. Para iso simplifica o proceso de tramitación, xa que crea
o informe único autonómico, que evita que os concellos teñan que solicitar
todos os informes por separado. Ademais, axiliza o procedemento, ao entender
como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses, e
crea novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais,
destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que
son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un PXOM.
“Con esta lei, terán a liberdade de elixir se fan eles o planeamento ou
se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal. E ofrece maior autonomía ás
sete grandes cidades, que poden aprobar
por si mesmas os seus PXOM, contando sempre co informe preceptivo da Xunta”,
abundou, ao que engadiu que xunto con isto, a nova lei busca fomentar o
desenvolvemento do rural, a protección da paisaxe e promove a recuperación do
xa construído fronte á execución de novas estruturas, o que supón que as novas
construcións deben adaptarse sempre ao contorno, ao tempo que se reforza a
obriga de rematalas exteriormente.
Sensibilización
Ademais dos obradoiros das Directrices da Paisaxe que se están a
organizar, Feijóo resaltou que neste momento estase a traballar na elaboración
do Regulamento da Lei do solo, que vai desenvolver aspectos da nova norma que
inciden na súa aplicación práctica, e que neste momento está en fase de alegacións.
O seu obxectivo é que “nun único texto estean todas as normativas con nivel de
decreto que se necesitan para completar e executar na súa totalidade as
previsións da Lei”. Deste xeito, evítase a necesidade de ter que usar a
normativa do Estado como lexislación supletoria.
O presidente da Xunta rematou facendo fincapé en que esta lei vai
supoñer un antes e un despois para a ordenación territorial e urbanística de
Galicia e subliñando que para ser efectiva plenamente, precisa dun importante
esforzo que nos implica a todos: a sensibilización. “Queremos protexer o
territorio como un dos patrimonios fundamentais do país, medrar de forma
responsable, buscar un urbanismo respectuoso co medio ambiente e coidar a casa
na que vivimos”, concluíu.