A tempada
de pesca en augas continentais para o ano 2016 na Comunidade autónoma galega
comezará o vindeiro 20 de marzo e rematará o 31 de xullo con carácter xeral,
tal e como establece a orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/20DHz0y) o pasado 17 de febreiro.
O período hábil para a pesca do salmón irá
dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da
temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a
tempada dará comezo o 24 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas
autoridades do Principado de Asturias.
A cota de captura está establecida nun
exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. As
cotas anuais nos ríos Lérez e Ulla, serán de 15 exemplares no primeiro e 60 no
segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e
10 no couto de Salmeán, no río Eo. No resto dos coutos autorizados no Eo non se
establece cota anual de captura.
En relación cos engados autorizados poden ser
naturais como as miñocas e quisquillas, ou artificiais como a mosca artificial,
a culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca sen morte do
salmón autorízase unicamente o emprego dun só anzol sen arponciño.
A pesca do reo
A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e
remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:
- Coutos de Celeiro (lotes 2 e 3), Noia,
Noval, Ombre, Padrón, Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2
e 3), e Xubia: a tempada rematará o 30 de setembro.
- Coutos de Betanzos e Lambre: prorrógase
ata o 15 de setembro.
- Nos coutos de Monteporreiro, Ponte
Arnelas, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se
permitirá a modalidade de pesca sen morte.
Sobre os engados, permítense todos os naturais agás todo tipo
de ovas de peixes e o peixe natural e artificiais como a mosca, a culleriña e
peixes artificiais ou semellantes. Nas augas salmoneiras non se permiten outros
engados que os autorizados para a pesca do salmón
Captura da troita
Para esta especie a tempada comezará o 20 de
marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos intensivos, coutos e tramos de pesca
sen morte e coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de
setembro, nestes últimos tan só na modalidade de pesca sen morte. Nas augas salmoneiras,
nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.
Por norma xeral establécese a posibilidade de
capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19
centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada. As zonas nas
que se exceptúan estas tallas e cotas detállanse no anexo correspondiente.
A orde do DOG aclara tamén as condicións da
captura das seguintes especies: zamborca, cangrexo vermello americano, cangrexo
sinal, ciprínidos e perca negra, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior
tempada, co excepción de que no caso dos ciprínidos se limita a un máximo de
dous anzois por cana con carácter xeral para os encoros nos que se autoriza a
pesca todo o ano. Mantense a veda da pesca da anguía e do meixón.
Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na normativa, con
carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos
nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá
pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 24
de marzo (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada
en cada masa de auga.
En relación coas horas, só se poderá
practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol
e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de
MeteoGalicia.