O acceso ao
monumento natural das Catedrais, en Ribadeo, estará controlado desde este
sábado ata o 28 de marzo, con motivo da Semana Santa. A afluencia máxima, ao
igual que o verán pasado, estará limitada a 4.812 persoas diarias, dando así
continuidade ao Plan de conservación que se puxo en marcha en xuño de 2015.
O obxectivo
desta folla de ruta é preservar e conservar este espazo, ao tempo que se
fomenta un turismo sustentable. De aí que unha das súas principais medidas sexa
evitar unha afluencia masiva, que podería producir alteracións no hábitat das
especies e nos procesos erosivos da área.
O control
dos visitantes articúlase ao redor da web https://ascatedrais.xunta.es/, a
través dun proceso sinxelo e totalmente gratuíto. Os interesados só teñen que
acceder á web, elixir a data na que queren visitar este monumento natural e
obter a autorización precisa para facelo.
As 4.812
autorizacións vanse repartir por cupos entre distintas entidades públicas e
privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto,
un total de 3.651. Outras 480 autorizacións serán xestionadas pola
Mancomunidade de concellos da Mariña lucense; 240 polo Clúster de Turismo de
Galicia; 329 polos hoteis de Ribadeo; e 112 para os taxis de Ribadeo.
Na entrada
ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre o
xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e
ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros
lugares de interese.
Tamén
haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de
axudar aos condutores a atopar unha praza. No Plan da Xunta tamén se coordinan
as prazas de aparcadoiro, co fin de evitar conxestións. En tempada alta,
disporase de catro aparcamentos distintos e gratuítos: dous deles no concello
de Ribadeo, un próximo ao monumento natural, con capacidade para 120 turismos e
4 autobuses; outro a quilómetro e medio, na praia de Barreiros, con capacidade
para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa para 140 turismos; e,
durante a Semana Santa, o concello de Barreiros habilitará unhas explanadas a
maiores para estacionar vehículos.
Este ano
volverase ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación
ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de
30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora
e xeoloxía. Este sistema
de control, que xa funcionou o verán pasado, rexistrou nos meses de xullo,
agosto e setembro un total de 240.000 visitantes. A cota de 4.812 visitantes só
se completou en 14 días, todos eles en agosto.