A Estrada. A nova tempada de pesca fluvial en Galicia
comeza este domingo cunha oferta de 300.000 permisos de captura
nos coutos fluviais da Comunidade, unha cifra similar á da tempada pasada. Así
todos os interesados deberán contar coa correspondente licenza e co permiso
oportuno para poder capturar troita –a partir deste domingo-; mentres que para
a pesca do salmón e o reo haberá que esperar ata o vindeiro 1 de maio.
A conselleira de Medio Ambiente e
Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá –durante a sinatura
dun convenio para a celebración e divulgación de campionatos e eventos piscícolas-
que este ano en Galicia haberá 149 coutos, un máis que na tempada pasada, ao
engadirse este ano o couto de Carboeiro no río Deza, nos municipios de Silleda
e Vila de Cruces.
Tamén engadiu que se conta con 68 tramos libres habilitados
para a modalidade de pesca sen morte, dos cales 12 son novos e localízanse
catro na provincia da Coruña (nos ríos Anllóns, Quenxe, Sóñora e Bardoso), un
na de Lugo (no río Requeixo), na de Ourense tres (nos ríos Edo, Loña e Salas) e,
por último, catro máis na provincia de Pontevedra (no río Verdugo e no Xabriña –tres
tramos neste último–).
Por outra banda, a conselleira sinalou que
tamén é necesario vedar a práctica da pesca en varios tramos, como medida de
protección para a poboación piscícola dos mesmos; unha decisión que complementa
a actividade de repoboacións dos ríos galegos, co obxectivo de reforzar a
presenza de salmónidos en Galicia. Neste sentido, lembrou que nos últimos anos liberáronse
preto de 465.000 salmónidos en distintas fases do seu ciclo vital.
A conselleira manifestou que o coñecemento
e posta en valor da nosa contorna natural e biodiversidade é un paso importantísimo
para a súa protección, polo que a pesca aglutina estas vantaxes: ofrece
coñecemento sobre o medio natural e o comportamento dos peixe e tamén ten
potencialidade como dinamizador da contorna e do turismo de natureza.
Convenio de colaboración
A responsable de Medio Ambiente e o presidente
da Federación Galega de Pesca, José Manuel Rey Alvela, asinaron un convenio de
colaboración en materia de actividade piscícola, que posibilitará a celebración
e divulgación de campionatos e eventos relacionados coa actividade piscícola en
Galicia.
Deste xeito, a Consellería colaborará na
celebración de cinco citas, entre as que destaca o Campionato do Mundo de Salmónidos
Mosca Xuventude nos ríos Ulla, Eume, Xallas, Mandeo e Anllóns, “unha proba que
se celebra por primeira vez na nosa Comunidade”.
Tamén se inclúe o Campionato de España de
Salmónidos Mosca Xuventude, no mes de xullo; e a actividade Pescaprendo,
pensada para difundir a práctica da pesca sen morte para os nenos e que se celebrará
en xuño de 2016 en Silleda.