A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a
través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), salienta que o cambio de
hora previsto para esta fin de semana –co comezo do horario de verán, na
madrugada do sábado ao domingo deberanse adiantar os reloxos unha hora (ás
02.00 horas serán as 03.00 horas)–, representa un aforro potencial de enerxía
en iluminación estimado no 1% para o sector
doméstico, e do 3% para o sector servizos,
alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total no conxunto de Galicia
próximo ao 0,4%.
O aforro
motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que
no industrial a estrutura de produción se mantén de forma constante, con
independencia do horario. Este cambio
de hora permite un maior aproveitamento das horas de luz, o que suporá empregar
a luz solar para o desempeño de distintas actividades durante o día, reducindo
deste xeito os consumos enerxéticos.
Para alcanzar este potencial de aforro, é preciso
levar a cabo un uso racional e responsable da enerxía a través de pautas
sinxelas, como prescindir da luz artificial cando non é estritamente necesaria;
utilizar tecnoloxías de aforro en iluminación de baixo consumo; instalar
sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial; ou optar pola renovación
de fiestras para evitar as fugas de calor.
Estes hábitos, sumados a outros como unha correcta climatización das
vivendas, o adecuado funcionamento dos electrodomésticos ou o seguimento de
pautas de condución eficiente, poden permitir ao cidadán, sen renunciar ao
confort, diminuír o seu consumo enerxético anual ata un 35%, ademais de evitar emisións contaminantes á atmosfera. De
feito, o consumo de
electricidade das familias galegas tense
incrementado na última década ata supor o 30% do total autonómico, unha cifra
que implica un gasto medio anual en enerxía de 2.600 euros, distribuídos
maioritariamente no consumo de calefacción e vehículos.
O cambio horario vén motivado pola Novena Directiva que rexe o denominado
“Cambio de hora”, de obrigado cumprimento para todos os países da Unión
Europea, vixente desde o ano 1981 e que se renova cada catro anos. Esta medida
de modificación dos horarios comezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando se
produciu a primeira crise do petróleo e diversos países decidiron adiantar os
seus reloxos nos meses de verán para poder aproveitar mellor a luz do sol e
consumir así menos electricidade en iluminación.
O Inega ten a disposición dos cidadáns a Guía
práctica de aforro de enerxía, que se pode consultar na súa páxina web (http://inega.es/publicacions/guias)
e na que se sinala a importancia de adoptar hábitos básicos, como aproveitar en
maior medida a iluminación natural ou potenciar a utilización de tecnoloxía
eficiente mediante o uso de detectores de presenza, fotocélulas e outros
mecanismos de regulación e control.
Por exemplo, unha medida sen custo é a
optimización dos tempos de ventilación: dez minutos coas xanelas abertas
resultan suficientes para renovar o aire dunha habitación. Ademais deben
evitarse tanto as filtracións de aire como o recubrimento dos radiadores con
roupa que dificulta a transmisión da calor.
Este
tipo de medidas relacionados cos cambios climatolóxicos son compatibles con
outras actuacións que se poden realizar durante todo o ano e que se atopan
tamén nesta guía. Así, a substitución dunha lámpada incandescente de 100W por
outra de baixo consumo ou de tecnoloxía LED supón un aforro enerxético do
80%-90%, mantendo os niveis de iluminación e confort; e apagar aparatos como a
televisión ou o vídeo co interruptor principal e non co mando a distancia pode
representar un aforro dun 3% na factura de enerxía anual.