As entidades de crédito e as súas
filiais inmobiliarias, así como as entidades de xestión de activos, incluídos
os procedentes da reestruturación bancaria, dispoñen dun prazo de seis meses
para a inscrición das vivendas baleiras da súa propiedade no Censo de Vivendas
Baleiras de Galicia, unha vez que o Decreto que as regula entrou en vigor
pasado un mes dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado
26 de febreiro.
A inscrición das vivendas no censo
será obrigatoria para todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios
de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en
concellos de máis de 10.000 habitantes de Galicia, sempre que sexan propiedade
de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de
xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria, con
independencia de onde se atope o domicilio social dos seus titulares.
Para proceder á súa inscrición, a
Xunta estableceu que as entidades propietarias dispoñen dun prazo de seis meses
a partir de hoxe, cunha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado
en caso de incumprimento da obriga de inscrición no prazo establecido.
Para as vivendas que se rematen ou
se baleiren con posterioridade a partir da data de hoxe, establécese que a
inscrición no Censo se realizará nun prazo máximo de oito meses desde a
obtención da licenza de primeira ocupación ou desocupación da vivenda polo
remate dun contrato de alugueiro ou a compra da mesma.
No Censo de Vivendas Baleiras
poderán inscribirse de maneira voluntaria o resto de vivendas baleiras da Comunidade
autónoma, sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas e independentemente
do tamaño do concello onde se empracen, sen que exista ningún prazo para dita
inscrición. Tamén se establece a posibilidade de que se inscriban de forma voluntaria as
vivendas baleiras propiedade dos concellos e outras administracións públicas.
O Censo de Vivendas Baleiras de
Galicia permitirá dispoñer de información adecuada en relación co estado de
ocupación do parque de vivendas de Galicia co obxecto de realizar a
planificación social da política de vivenda por parte da Xunta de Galicia. A efectos do Censo, considéranse
vivendas baleiras as que non sexan ocupadas polos seus propietarios ou non
exista unha persoa usuaria que dispoña do correspondente título que lle dea
dereito a súa ocupación.
Medidas
O Decreto polo que se crea o Censo de
Vivendas Baleiras de Galicia inclúe as medidas que a Xunta de Galicia poderá
adoptar para favorecer a ocupación das vivendas baleiras, que son:
1.- O Goberno galego poderá impulsar
a sinatura de acordos de colaboración co obxecto de destinar as vivendas
inscritas no censo a atender a persoas afectadas por procedementos de execución
hipotecaria ou por desafiuzamentos por impago de rendas de aluguer.
2.- Ademais, o Executivo autonómico
poderá mediar entre as persoas propietarias das vivendas baleiras inscritas e
as persoas demandantes de vivenda, coa fin de favorecer a súa ocupación,
facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición. Para tal
fin, as vivendas baleiras inscritas propiedade das entidades de crédito, e das
súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os
procedentes da reestruturación bancaria e, sempre que se axusten aos prezos
máximos establecidos para as vivendas protexidas, poderán ser ofertadas polo
seu propietario á Xunta para a súa adxudicación a través do Rexistro Único de
Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en aluguer como
en venda.
3.- Así mesmo, co previo
consentimento dos propietarios as vivendas inscritas no censo poderán ser
utilizadas nos programas de fomento do aluguer que desenvolva a Xunta ou as
administracións locais.