O BNG arranca a folla de ruta para o
proceso de refundación baixo a denominación Proceso Adiante. Relanzar o
proxecto nacionalista para, no prazo máximo dun ano, poñer a punto o
proxecto político con tres grandes obxectivos que sintetizou a portavoz
nacional, Ana Pontón, na rolda de prensa de presentación.
Primeiro, actualizar o discurso do
Bloque “nun momento en que consideramos que o nacionalismo é máis necesario que
nunca”; segundo, recuperar o pulso social e electoral para que o BNG sexa peza
clave na derrota do PP e, en terceiro lugar, ensanchar a base social do nacionalismo, “o BNG como casa común de todos
e de todas as nacionalistas”.
“O Proceso Adiante determinará
que aspectos temos que corrixir e mellorar para ofrecer ao conxunto da
sociedade galega un proxecto nacionalista renovado, reforzado que aspire
absolutamente a todo”, salientou Rubén Cela en nome da Executiva nacional, un
proceso participativo e transparente ao que tamén se incorporen “homes e
mulleres que sen militar no BNG comparten que Galiza precisa un proxecto nacionalista
forte”.
Diferente polo contido e polo alcance,
o Proceso Adiante arranca en abril coa celebración de máis dun cento de
encontros abertos por todo o país e a posta a disposición da web www.adiante.gal para que calquera persoa poda realizar aportacións.
“Será un exemplo de transparencia no que todas as conclusións, documentación e
resultados de votacións van estar dispoñibles neste portal para a súa libre
consulta”, explicou Cela.
No acto de presentación, a portavoz
nacional explicou que coa denominación de Proceso Adiante se pretende
simbolizar que “hai futuro” e que o BNG “é a alternativa” fronte ao centralismo
e as políticas tóxicas da dereita que deixan un balance de desastre en termos
de desemprego, precariedade laboral, emigración da xente nova, pobreza e
desigualdade social.
Cronograma
Tras a fase inicial de diagnose ao
longo do vindeiro mes, o cronograma do Proceso
Adiante segue cunha actualización da radiografía de Galiza tras oito anos
de crise, e a reformulación da estratexia do Bloque como ferramenta política, para
finalizar o proceso de refundación establecendo cal debe ser o modelo
organizativo e de participación.
“Queremos dar cabida a todas as persoas
que se sintan nacionalistas ou crean que Galiza precisa forzas políticas
propias para plantar cara aos desafíos
que temos e superar a crise na que levamos moito tempo”, explicaba Pontón.
O Proceso Adiante ten unha
formulación “flexible” en función da data final das eleccións galegas e dunha
previsible repetición das eleccións xerais, e xa traballa no calendario para a
elaboración de programa e conformación de candidaturas coa perspectiva de
“fortalecer un proxecto nacionalista máis necesario ca nunca para ser antídoto
ás políticas centralistas que tanto dano teñen causado”.
Sumar e acumular forzas
De cara aos comicios galegos, Pontón
reiterou a vontade do Bloque de “sumar e acumular forzas” para conformar unha
candidatura nacionalista que sexa clave na derrota do PP.
“Non nos vemos con forzas políticas que
cando lle preguntan aos seus representantes por que Galiza non aparece nas súas
propostas de goberno responde que tampouco está Extremadura ou Castela-La
Mancha. Para nós Galiza non é un anexo”, alegou, “precisamos forzas políticas
propias que den respostas desde aquí aos problemas dos galegos e galegas”,
concluíu, “e queremos volver ilusionar a todas as persoas que nalgún momento
confiaron no BNG”.
Na rolda de prensa de presentación do
Proceso Adiante, Ana Pontón estivo acompañada dunha representación da nova
executiva nacional, en concreto por Rubén Cela, Montse Prado, Noa Presas,
Bieito Lobeira, Olaia Ledo e Xosé Manuel Marcote. Departamento de comunicación